Fabiola García denuncia que o Goberno central impide ás comunidades autónomas votar os criterios de reparto dos menores migrantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, denunciou esta tarde que o Goberno central impediu ás Comunidades Autónomas exercer o seu dereito a votar sobre os criterios de reparto dos menores migrantes no marco da Conferencia Sectorial da Infancia e Adolescencia.

Fabiola García cualificou de “burla” que o Goberno central non quixera que as Comunidades Autónomas manifestaran en votación a súa posición respecto dos criterios de reparto de nenos e adolescentes estranxeiros non acompañados que está a impoñer o Executivo de Pedro Sánchez.

Ademais, a conselleira asegurou que “Galicia non vai aceptar máis imposicións” e considerou “un paripé e unha falta de respecto institucional” a política migratoria do Goberno central.

Fabiola García criticou o feito de que o Goberno central pretenda ofrecer unha imaxe de diálogo despois de que as Comunidades Autónomas tiveran coñecemento dos criterios de reparto, primeiro, a través dos medios de comunicación, e a continuación por parte dos voceiros de Junts per Cataluña, socio parlamentario de Pedro Sánchez, e en último lugar, mediante o Boletín Oficial do Estado (BOE).

A conselleira sinalou que a situación actual é “por culpa dun fallo na política migratoria do Goberno central, que “pretende repartir a nenos e adolescentes como se foran paquetes, sen saber cantos terán que acoller as comunidades dentro de dous meses, dúas semanas ou mañá”.

Ademais, advertiu que con estes criterios de reparto “pretenden rebentar” o sistema de protección autonómico e “crear guetos”. Neste sentido, sinalou que o modelo galego, que leva máis de 30 anos funcionando, baséase na integración dos menores e aposta pola convivencia dos nenos que veñen de fóra cos da propia comunidade.

Financiamento

A conselleira insistiu na necesidade de que o Goberno central financie a estancia completa de todos os menores migrantes, non só os que chegan de Canarias ou Ceuta como ocorre actualmente. E que se asuma o 100% do custo durante todo o tempo que estean baixo o sistema de protección autonómico.

Tamén manifestou que Galicia “quere seguir acollendo menores na medida das súas posibilidades”, pero lembrou que neste momento a comunidade non ten prazas dispoñibles, ao contar o sistema de protección cun 108% de ocupación.

Por último, lembrou que Galicia “cumpre e sempre cumpriu a lei”, sendo unha das comunidades que máis menores migrantes acolleu de Canarias e Ceuta, xa que recibiu nos últimos anos ao 16% dos menores acollidos a través dos acordos voluntarios. É dicir, o triplo do que lle correspondería en función do número de habitantes.

6 de maio de 2025 | 10:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.