Declaración institucional da Xunta de Galicia con motivo do 17 de maio, Día Mundial da Sociedade da Información

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+

O 27 de marzo de 2006, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o 17 de maio Día Mundial da Sociedade da Información co obxectivo de promover o bo uso das tecnoloxías e difundir e facer universalmente accesibles os seus beneficios.

Para nós, os galegos e as galegas, esta data coincide felizmente co día en que celebramos o orgullo de dispoñer dunha lingua para nos comunicar para crear e para medrar como país. A lingua e a súa defensa e promoción é un elemento central no logro dos obxectivos de dispoñer dunhas tecnoloxías útiles e ao servizo das persoas.

A Xunta de Galicia comparte o lema adoptado polo Comité de Impulso do Día de Internet en España, do que formamos parte: “Por unha nova xeración de Internet comprometida coas persoas” describe un obxectivo transversal que comparten todas as iniciativas e actuacións que levamos a cabo na Xunta e, en concreto, na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Nos últimos meses, a Xunta foi quen de elaborar e lograr a aprobación no Parlamento sen votos en contra da Lei para o Desenvolvemento e Impulso da Intelixencia Artificial en Galicia.

Somos a primeira rexión europea en dispoñer dun marco legal para a adopción e aplicación desta tecnoloxía na Administración de acordo con criterios de eficacia, seguridade e garantía de respecto aos dereitos das persoas.

O desenvolvemento e gobernanza responsable da Intelixencia Artificial é, precisamente, un dos puntos do decálogo presentado este ano polo Comité de Impulso do Día de Internet.

Asumimos, así mesmo, os obxectivos de

  • promover a tecnoloxía ao servizo da inclusión e accesibilidade;
  • asegurar o benestar dixital;
  • fomentar a transparencia e o empoderamento da cidadanía;
  • fomentar o pensamento crítico e loita contra a desinformación;
  • fomentar a participación activa, responsable e democrática;
  • garantir a sustentabilidade;
  • promover a confianza e a ciberseguridade;
  • garantir a privacidade e control dos datos;
  • e fomentar a innovación e as redes do futuro.

En definitiva, neste Día Internacional da Sociedade da Información, a Xunta renova o seu compromiso co desenvolvemento dunhas tecnoloxías ao servizo das persoas, éticas, seguras e capaces de xerar benestar, riqueza e emprego para a nosa terra.

17 de maio de 2025 | 12:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.