A Xunta traballa na posta en marcha de novas aceleradoras para impulsar o emprendemento no deporte, a saúde e as enerxías renovables

Galicia Sportech Congress de Pontevedra
Tres novas aceleradoras especializadas en sectores clave para o desenvolvemento económico e social: o deporte, a saúde e o benestar, e as enerxías renovables. Así o avanzou a directora do Igape, Covadonga Toca, no marco do Galicia Sportech Congress, onde salientou que estas iniciativas buscan conectar startups con empresas tractoras e centros tecnolóxicos, favorecendo a transferencia de coñecemento e a xeración de novas oportunidades de negocio.
A nova estratexia de aceleración empresarial estrutúrase seguindo a metodoloxía das Business Factories, xa implantada con éxito en ámbitos como a automoción (BFAuto), a aeronáutica (BFAero), o agroalimentario (BFFood) ou a economía circular (BFClimaTech). O obxectivo é consolidar ecosistemas de innovación altamente especializados, que faciliten a conexión entre o talento emprendedor e o tecido produtivo galego.
Durante a súa intervención, a directora do Igape destacou que estas novas aceleradoras contribuirán a fortalecer o posicionamento de Galicia como un polo de referencia en innovación. “Estamos construíndo un ecosistema máis robusto, interconectado e especializado, no que as startups poidan validar solucións innovadoras en colaboración directa coas empresas”, indicou.
Ata a data, a rede galega de aceleradoras leva apoiados máis de 830 proxectos emprendedores e facilitado a creación de máis de 1.400 empregos cualificados. Con esta nova expansión, a Xunta reafirma o seu compromiso cunha Galicia máis sustentable, competitiva e conectada ao futuro.