publicidade hoxe

Valentín García pon en valor a internacionalización das letras galegas a través da poesía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na presentación da oitava edición do festival Alguén que respira!, unha cita organizada co apoio da Xunta de Galicia para poñer en valor o talento dos creadores galegos e a calidade das letras galegas a través da poesía.

Así, durante a presentación no Pazo de Raxoi, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou que este certame, que se celebrará o vindeiro día 21 coincidindo co Día Mundial da Poesía, reunirá poetas, xornalistas, activistas e artistas de todo o mundo, como mostra do “gran momento que está a vivir a cultura”. Nesta mesma liña tamén incidiu na calidade das letras galegas que ano tras ano van sumando máis recoñecemento e que, sen dúbida, “son os mellores embaixadores da nosa identidade”, apuntou.

O secretario xeral da Lingua remarcou así mesmo o compromiso do Goberno galego “na colaboración con iniciativas que poñan en valor as nosas letras tanto dentro como fóra das nosas fronteiras”, tal e como se está facendo no marco da renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega, no que se está a traballar actualmente.

Recitais, concertos e faladoiros

O festival Alguén que respira! celebrarase no Teatro Principal de Santiago de Compostela do 20 ao 22 de marzo. Durante esas tres xornadas haberá recitais, concertos e faladoiros onde participarán máis de 40 poetas, músicos ou performers como a autora galega Miriam Reyes; a poeta irlandesa Ailbhe ní Ghearbhuigh; os poetas palestinos Sammer Abu Hawwash e Mohamad Bitari, e o crítico literario Xosé María Álvarez Cáccamo, que será o responsable da lectura do manifesto da cita.

11 de marzo de 2025 | 16:58 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario