Rueda salienta na Arxentina as oportunidades laborais que ofrece o tecido empresarial autonómico para os galegos retornados

O presidente galego visitou a feira de emprego organizada pola Xunta en Bos Aires
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou este xoves na Arxentina as oportunidades laborais que ofrece o tecido empresarial de Galicia e lembrou o apoio do Executivo autonómico aos galegos e galegas do exterior que aposten por volver a súa terra para desenvolver o seu proxecto vital e laboral.
Durante a súa visita á feira de emprego organizada pola Xunta en Bos Aires, acompañado polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, Rueda salientou que se trata dunha cita pioneira coa que o Goberno autonómico busca atraer talento cualificado do exterior e facilitar que as empresas galegas atopen traballadores para facer fronte aos problemas para cubrir vacantes en sectores estratéxicos, ao tempo que aumenta a poboación activa e se dinamiza o territorio.
A feira, que continúa hoxe na capital arxentina e que contará cunha segunda edición o luns en Montevideo (Uruguai), busca ser un escaparate das oportunidades laborais e empresariais que ofrece a comunidade e poñer en contacto a clústeres e empresas de Galicia pertencentes a sectores como o agroalimentario, as TIC, a loxística, as enerxías renovables ou o metal mecánico con galegos interesados en retornar a súa terra.
Nesta liña, Rueda lembrou que ademais destas feiras, a Xunta conta con diferentes iniciativas postas en marcha destinadas aos galegos na diáspora para facer fronte aos desafíos do mercado laboral actual coma a cobertura de vacantes ou a remuda xeracional. Unha delas é o Programa Retorna Cualifica Emprego, dotado de 2,3 millóns de euros para este ano, co que se busca facilitar o regreso de galegos no exterior da man de empresas galegas cun contrato laboral indefinido. A previsión desta segunda edición é ofrecer 200 empregos con contrato laboral indefinido e con apoios complementarios para o retorno.
O Programa Retorna Cualifica Emprego enmárcase dentro da Estratexia Galicia Retorna que conta cun cento de medidas para facilitar o regreso de 30.000 galegos do exterior ata 2026. Unha Estratexia que, tal e como explicou Rueda, sitúa á comunidade como pioneira en políticas de retorno e serve de recoñecemento aos emigrantes galegos que nunca esqueceron os lazos coa súa terra.
A Estratexia conta con diferentes apoios desde axudas para os gastos iniciais de volver a Galicia ata bolsas para completar a formación académica -mestrado ou ciclo de FP-, achegas para os que aposten por emprender ao chegar á comunidade ou un servizo de asesoramento e información personalizado a través das Oficinas do Retorno.
Tal e como subliñou Rueda, con iniciativas como as feiras de emprego de Bos Aires e Montevideo, búscase trasladarlles aos galegos en Arxentina que Galicia, “que foi a terra da que os seus antepasados saíron, agora pode ser a súa terra de acollida”.
“O que queremos —segundo destacou o presidente autonómico— é ofrecerlles as posibilidades, dicirlles que Galicia lles abre os brazos”. Neste sentido, Rueda sinalou que “fomos terra de emigración, os galegos hai moitos anos foron acollidos aquí, puideron empezar unha nova vida e con iso axudaron a construír a Galicia próspera que temos agora”. E nestes momentos, remarcou o presidente da Xunta, “esa Galicia que medrou e que necesita seguir medrando dilles que teñen unha oportunidade”.