publicidade hoxe

O último informe da Consellería de Sanidade sobre a gripe reflicte unha intensidade baixa e unha tendencia descendente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaProvincias
A-
A+

A Consellería de Sanidade publica, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á novena semana do ano que determina que a intensidade da gripe continúa sendo baixa, sendo agora a tendencia descendente.

Segundo os datos, a taxa de consultas por gripe nos servizos de atención primaria diminuíu un 23,5 % respecto da semana previa e fica en 42,6 consultas por 100.000 habitantes.

O descenso da taxa obsérvase en todos os grupos de idade con excepción dos de 80 e máis anos, no que aumentou un 12,6 %. O grupo con maior taxa de consultas foi o de 0 a 4 anos, con 87,7 consultas por 100.000 habitantes. Por áreas sanitarias, a taxa diminuíu en todas elas.

A rede de farmacias sentinela, que nesta campaña remiten os seus datos á Dirección Xeral de Saúde Pública, reflicte que as taxas de dispensación de antigripais e probas de antíxenos aumentaron moi lixeiramente en relación á semana previa.

En canto aos ingresos hospitalarios, ingresaron 231 persoas con gripe confirmada, un 2,3 % menos que na semana anterior (236). A taxa de ingresos no conxunto da poboación foi de 8,5 por 100.000 habitantes, sendo o grupo de 60 a 79 anos o único no que se observou un ascenso. Por áreas sanitarias, a taxa de ingresos aumentou en todas elas, agás nas da Coruña e Ourense, nas que descendeu, e na de Vigo, na que permaneceu estable.

No que vai de tempada notificáronse 2.114 ingresos, a maioría deles, 1.732, con virus do tipo A.

Respecto da positividade das mostras estudadas para virus do tipo A, foi do 17,7 %, o que supón un descenso respecto da semana anterior, que foi do 18,7 %. A positividade das mostras estudadas para virus do tipo B foi do 2,1 %, polo que a positividade dos virus da gripe foi do 19,7 %, inferior á da semana anterior (21,2 %).

Evolución covid e VRS

O informe de actividade das infeccións respiratorias agudas indica que ingresaron 7 persoas con covid confirmada, o que supón un 65 % máis que a semana previa (20 ingresos).

Pola súa banda, no que atinxe ao Virus Respiratorio Sincitial (VRS), a taxa de ingresos no conxunto da poboación descendeu un 65 % respecto da semana anterior, sendo nesta semana de 0,7 ingresos por 100.000 habitantes. Por grupos de idade, a taxa diminuíu ou mantívose estable, sen observarse ningún aumento, ao igual que aconteceu coas áreas sanitarias.

Estimación

Segundo se recolle no informe, a estimación puntual do modelo de predición suxire que, nas vindeiras dúas semanas, a taxa de consultas por gripe descenda de 42,6 consultas por 100.000 habitantes a 36,7 e 31,3 nas semanas 10 e 11, respectivamente.

O escenario destas semana é semellante ao da anterior, se ben o descenso na taxa de consultas é maior, un 23 % fronte ao 6 %. Ademais, a taxa diminúe en todos os grupos de idade, agás no de 80 ou máis anos no que aumenta un 12,6 %. Sen embargo, hai que ter en conta que este aumento supón pasar unicamente dunha taxa de 15,8 a 17,8 consultas por 100.000 habitantes. Así mesmo, nesta semana observouse por primeira vez no que vai de onda un descenso na positividade para o virus de tipo A, aínda que só foi un punto porcentual.

A situación epidemiolóxica da gripe parece que se reflicte a nivel asistencial, como amosa a taxa de ingresos que descendeu un 2,3 % en relación á semana anterior. Aínda que se trata dun descenso leve, este observouse en todos os grupos de idade, agás no de 60 a 79 anos, no que aumentou un 35 %, se ben este aumento supón pasar de 10 a 13,5 ingresos por 100.000 habitantes.

Polo tanto, aínda que semella que se está a producir un cambio na tendencia da gripe, que pasaría de estable a descendente, é preciso continuar coa vixilancia para confirmar que esta tendencia se mantén e que a porcentaxe de positividade e a taxa de hospitalización seguen esa mesma dirección.

A Xunta lembra a recomendación do uso da máscara en pacientes con síntomas respiratorios, ademais dos seus acompañantes e visitas, e no caso dos profesionais que os atenden, así como en determinados grupos de risco ou dispositivos asistenciais como poden ser as urxencias hospitalarias.

6 de marzo de 2025 | 18:59 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario