publicidade hoxe

O Sergas publica o listado de persoas seleccionadas polo sistema de concurso no proceso para o acceso á condición de persoal estatutario fixo de enfermeiro especialista en saúde mental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia recolle, na súa edición de hoxe, unha resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, pola que se fai pública a relación de aspirantes definitivamente seleccionados no proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo na categoría de enfermeiro especialista en saúde mental, e pola que se inicia o prazo para a elección de destino.

Neste proceso selectivo resultaron seleccionadas 94 persoas na categoría de enfermeiro especialista en saúde mental, das cales 88 accederon pola quenda de acceso libre, 4 por promoción interna e 2 pola quenda de discapacidade xeral.

Estas 94 prazas engádense ás 31 prazas ofertadas no proceso selectivo mediante o sistema de concurso-oposición e ás 2 prazas ofertadas no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos.

Este proceso selectivo convocouse en aplicación a Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde, que establece medidas extraordinarias e temporais en materia de emprego público dirixidas a garantir a adecuada atención sanitaria de toda a poboación galega.

A media de idade das persoas admitidas neste proceso selectivo é de 37 anos e o 92% son mulleres.

Coa publicación desta resolución ábrese un prazo dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución (do 11 ao 24 de marzo), para que todos os aspirantes que participan no proceso seleccionen telematicamente, a través do sistema de información Fides/expedient-e, os destinos ofertados por orde de prelación entre a relación de prazas ofertadas.

Procedemento

A elección de destino realizarase a través do sistema de información Fides/expedient-e, conforme ás bases de procedemento publicadas no Diario Oficial de Galicia do 5 de xuño de 2020.

A aplicación informática fará visibles todas e cada unha das prazas que se ofertan na respectiva categoría e facilitará información á persoa aspirante da posición e orde de prelación que ocupa no proceso, a efectos de elección de destino, segundo a quenda de participación e puntuación acadada nel. A selección de destinos efectuarase por orde de preferencia e requirirá a sinatura electrónica e presentación por rexistro electrónico.

O aspirante disporá das mesmas opcións que no acto presencial. Así, a aplicación permitirá a renuncia á participación na elección de destino e mesmo a elección dun número de prazas inferior ao da posición que ocupa no proceso.

Finalizado o prazo para a selección de destinos, o sistema de información efectuará a adxudicación automática, en función da quenda e orde de prelación acadada por cada aspirante no proceso e atendendo á orde de preferencia na selección de destinos efectuada por este.

Este procedemento telemático redunda nunha maior axilidade e simplificación dos procesos selectivos e supón un avance no dereito dos cidadáns de relacionarse electronicamente coas administracións públicas. Asegúrase a continuidade asistencial e o normal funcionamento dos centros sanitarios e evita o desprazamento das persoas aspirantes á sede do órgano convocante, como acontecía coa modalidade presencial.

Os aspirantes seleccionados poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas co procedemento de elección de destinos ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es.

10 de marzo de 2025 | 12:04 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario