O Sergas publica a relación de 1.556 persoas seleccionadas no concurso-oposición para o ingreso na categoría de enfermería
O Diario Oficial de Galicia publica, no día de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se fai pública a relación de aspirantes definitivamente seleccionados no concurso-oposición para o ingreso na categoría de enfermería e se inicia o prazo para a elección de destino.
Neste proceso selectivo resultaron seleccionadas 1.556 persoas, das cales 1.363 corresponden á quenda de acceso libre, 104 á de promoción interna e 89 á quenda de discapacidade xeral. As prazas non cubertas pola quenda de promoción interna acumuláronse á quenda libre (foron convocadas 332 prazas por esta quenda de acceso).
A media de idade das persoas seleccionadas neste proceso selectivo é de 42 anos e o 89 % son mulleres.
A estas prazas ofertadas polo sistema de concurso-oposición, o Servizo Galego de Saúde engadiu 459 prazas ofertadas no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos. Con este proceso xa resolto no mes de novembro de 2023, a totalidade de novas prazas de enfermaría estabilizadas no Sistema Público de Saúde é de 2.015.
Prazo para a elección de destino
Os aspirantes definitivamente seleccionados dispoñen dun prazo de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución, é dicir, do 18 ao 31 de marzo para seleccionar os destinos ofertados por orde de prelación.
Ofértanse prazas en todos os hospitais públicos: 355 no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña; 12 no Hospital Público Virxe da Xunqueira de Cee; 76 no Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide de Ferrol; 120 no Hospital Universitario Lucus Augusti; 31 no Hospital Público da Mariña; 36 no Hospital Público de Monforte; 146 no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense; 15 no Hospital Público de Valdeorras; 22 no Hospital Público de Verín; 128 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra; 17 no Hospital Público do Salnés; 335 no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo; 233 no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago; e 30 no Hospital Público da Barbanza.
Procedemento telemático
A elección de destino realizarase a través do sistema de información Fides/expedient-e, conforme ás bases de procedemento publicadas no Diario Oficial de Galicia do 5 de xuño de 2020.
A aplicación informática fará visibles todas e cada unha das prazas que se ofertan na respectiva categoría e facilitará información á persoa aspirante da posición e orde de prelación que ocupa no proceso, a efectos de elección de destino, segundo a quenda de participación e puntuación acadada nel. A selección de destinos efectuarase por orde de preferencia e requirirá a sinatura electrónica e presentación por rexistro electrónico.
As persoas aspirantes disporán das mesmas opcións que no acto presencial. Así, a aplicación permitirá a renuncia á participación na elección de destino e mesmo a elección dun número de prazas inferior ao da posición que ocupa no proceso.
Finalizado o prazo para a selección de destinos, o sistema de información efectuará a adxudicación automática, en función da quenda e orde de prelación acadada por cada aspirante no proceso e atendendo á orde de preferencia na selección de destinos efectuada por este.
Este procedemento telemático redunda nunha maior axilidade e simplificación dos procesos selectivos e supón un avance no dereito da cidadanía de relacionarse electronicamente coas administracións públicas. Asegúrase a continuidade asistencial e o normal funcionamento dos centros sanitarios e evita o desprazamento das persoas aspirantes á sede do órgano convocante como acontecía coa modalidade presencial.
Os aspirantes seleccionados poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas co procedemento de elección de destinos ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións nin recursos.