O goberno galego incluirá na modificación da Lei de Saúde as sancións por agresións aos técnicos de emerxencias sanitarias e do 061

Xuntanza cos grupos de traballo
A Xunta incluirá na modificación da Lei de Saúde de Galicia as infracción e sancións por agresións aos técnicos de emerxencias sanitarias e do 061, converténdose así na primeira comunidade autónoma en incluír estes supostos.
A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, presidiu esta mañá a primeira das xuntanzas cos grupos de traballo que avaliarán a actualización das medidas e a ampliación das accións que teñen por obxectivo previr e protexer os profesionais do sistema sanitario fronte á violencia externa.
Na reunión, na que participación a directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Mar Pousa; o director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Román Gómez; e representantes da Federación Galega de Empresarios de Ambulancias (FEGAM); da Asociación Galega de Técnicos de Emerxencias (ASGATE); e de Tesgalicia, Asociación Profesional de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia, o departamento autonómico avanzou a súa vontade de incluír ao persoal do transporte sanitario como persoal protexido aos efectos das condutas obxecto de sanción.
A Consellería de Sanidade considera oportuno incrementar a protección destes traballadores, xa que teñen un alto nivel de exposición ao risco de agresións.
Nas vindeiras semanas, os representantes da carteira sanitaria da Xunta manterán novas reunións con representantes dos colexios profesionais e con membros das forzas e corpos de seguridade do Estado. O obxectivo é abordar a situación con cada colectivo e que fagan as súas achegas de cara á actualización dos protocolos fronte á violencia no ámbito sanitario.
Unha vez concluída esta rolda de xuntanzas, os textos dos novos protocolos serán trasladados e negociados cos órganos de representación do persoal.