Miguel Corgos reclama priorizar a actualización do Sistema de Financiamento Autonómico sobre a condonación da débeda
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, reclamou hoxe no Parlamento priorizar a actualización do Sistema de Financiamento Autonómico sobre a condonación da débeda, para que Galicia conte de verdade con máis recursos para financiar os servizos públicos.
Durante a súa comparecencia para dar conta da reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira, Miguel Corgos expuxo a situación de inestabilidade que está a provocar o Estado no eido das comunidades ao non presentar, tras máis de ano e medio das eleccións xerais, un proxecto de Orzamentos, nin actualizar as entregas a conta ou revisar o sistema de financiamento autonómico.
Nesta liña, aproveitou a súa intervención para reivindicar novamente a actualización das entregas a conta ás CC.AA. “Nestes momento, o Goberno central ten retidos a Galicia case 1.600 millóns de euros”, denunciou, recordando o quebranto que isto está a provocar non só nas contas da comunidade, senón nas de todas as administración territoriais, incluídos os concellos, que reciben parte dos seus recursos como unha porcentaxe da recadación prevista polos impostos.
Logo de precisar que este retraso custa cada mes á Administración galega 1,5 millóns de euros en xuros adicionais, o conselleiro da Facenda autonómica lamentou que o Goberno central estea usando o financiamento das administración territoriais como moeda de cambio para os seus acordos, “como se puidera dispoñer discrecionalmente deses recursos que financian os servizos públicos galegos”, abundou.
Asunción da débeda, un negocio ruinoso
Así mesmo, e en relación á reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira, subliñou que na pasada convocatoria Galicia, xunto á maioría de comunidades, decidiu dicir basta a unha política de feitos consumados, trala inclusión de dous asuntos na orde do día, sen negociación nin diálogo: o reparto ás comunidades do Imposto sobre a Banca en función do PIB e a asunción dunha porcentaxe da débeda autonómica por parte do Goberno central.
“O que nos atopamos na reunión foi unha proposta de asunción de débeda negociada de maneira bilateral e nós non aceptamos branquear un acordo bilateral nunha reunión multilateral”, explicou, incidindo en que o Goberno galego aposta polo traballo de todas as comunidades en pé de igualdade e con cooperación.
Miguel Corgos insistiu en que Galicia non pode aceptar, tal e como está formulada, esta asunción de débeda porque favorece ás comunidades incumpridoras e penaliza ás cumpridoras; non xera capacidade adicional de gasto ás comunidades, xa que a débeda e o gasto global non poden aumentar; e vulnera a autonomía financeira, beneficiando ás comunidades que subiron o tramo autonómico do IRPF.
“O Goberno está a beneficiar por riba de todo a unha comunidade que sube impostos e, ademais, incrementa máis que ninguén o seu endebedamento, sen mellorar con iso a vida dos seus veciños. E, ao mesmo tempo, castiga a Galicia, que foi capaz de rebaixar os impostos, sendo a comunidade que menos incrementou porcentualmente o seu endebedamento”, precisou, logo de engadir que os galegos veríamos incrementado tamén o noso volume global de endebedamento, asumindo máis débeda da que cedemos –case 600 millóns de euros de débeda adicional-. Un feito que cualificou de “negocio ruinoso”.
Un modelo de financiamento equitativo, suficiente e duradeiro
O conselleiro de Facenda e Administración Pública reiterou que Galicia o que necesita é un sistema de financiamento que atenda os custes de prestación de servizos na comunidade, que obxectivamente son máis caros, sobre todo pola dispersión da poboación, única en España, ao concentrar a metade dos núcleos de poboación de todo o Estado; e, tamén, polo avellentamento, cunha taxa de poboación maior de 65 anos sensiblemente superior á media.
O conselleiro de Facenda e Administración pública reiterou que o actual modelo de financiamento non achega suficientes recursos e “temos un déficit dun mínimo de 500 millóns de euros ao ano do que precisamos”, lembrou, subliñando que o obxectivo común ten que ser contar cun mapa de servicios e cuantificar o custe en cada territorio, de xeito que o resultado permita que calquera cidadán, con independencia de onde resida, reciba un financiamento equivalente.
Miguel Corgos concluíu recordando que é o Goberno central o que ten que impulsar a súa revisión, propoñer unha reforma ás comunidades e, entre todas, consensuar un sistema equitativo, suficiente e duradeiro.