publicidade hoxe

Convócase un curso de piloto de drons para persoal dos servizos de emerxencias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaProvincias
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para a realización dun curso de piloto de drons dirixido a persoal dos servizos de extinción de incendios e salvamento, aos Grupos de Emerxencias supramunicipais (GES) e os servizos municipais de Protección Civil. A acción formativa, semipresencial e de 100 horas de duración, oferta 25 prazas e desenvolverase do 1 de abril ao 8 de xuño.

A actividade constará de tres bloques, os dous primeiros de contido teórico, que se desenvolverán en liña, e un terceiro de carácter práctico e presencial. As persoas interesadas en inscribirse nos cursos poden presentar xa a solicitude a través do formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal). O prazo para facelo é ata o 20 de marzo.

A convocatoria forma parte da programación de formación continua destinada ao persoal dos servizos de extinción de incendios e salvamento, aos Grupos de Emerxencias supramunicipais (GES) e os servizos municipais de Protección Civil. Trátase de 25 edicións de cursos que suman máis de 640 prazas.

O calendario inclúe cursos en modalidade presencial, semipresencial e en liña. Trátase de formación práctica orientada ao labor que desenvolve de xeito cotiá o persoal dos distintos servizos de emerxencias, con contidos como rescate en ríos e inundacións, en ascensores, en espazos confinados, en aeroxeneradores ou na contorna urbana. Abórdanse tamén as intervencións con autoescaleiras, con risco eléctrico, con vehículos especiais ou en espazos confinados, así como investigación causal de incendios, uso de medios de extinción non habituais ou normativas e prevención de riscos de incendios e emerxencias, entre outras temáticas.

Centro formativo de referencia

A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia e tamén dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar as novas promocións de Policía Local, ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade dos galegos e galegas.

11 de marzo de 2025 | 17:01 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario