Arrinca o plan de mellora e accesibilidade viaria do Camiño de Santiago na ruta inglesa ao seu paso polos concellos de Abegondo e Santiago
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou hoxe que o Consello aprobou os proxectos “para facer melloras en dous puntos do Camiño Inglés ao seu paso polos concellos de Santiago e Abegondo”. Estas actuacións -cun investimento previsto de case 890.000 euros- supoñen o punto de partida do proxecto de mellora da seguridade viaria dos peregrinos no Camiño de Santiago impulsado pola Xunta de Galicia no horizonte do Xacobeo 2027 que actuará en máis de 150 quilómetros dos nove camiños de Santiago.
Calvo resaltou que o obxectivo é “afastar aos peregrinos das zonas perigosas de circulación” e que a Xunta destinará 40 millóns de euros a realizar obras en dez treitos. A previsión é “licitar no prazo dun mes” as actuacións hoxe aprobadas mentres que noutros cinco treitos as obras se iniciarán a partir de outubro e nos últimos tres, entre decembro de 2025 e xaneiro de 2026.
O plan da Xunta inclúe actuacións en nove rutas xacobeas. No Camiño de Inverno e na Vía da Prata, en concreto, haberá obras en 38 km en cada un dos itinerarios. Ademais, actuarase en 25 km do Camiño Norte, en 20 do Camiño Francés e en preto de 15 no Camiño Primitivo. As melloras comprenderán tamén preto de 7 km no Camiño Portugués e pola Costa, 4 no Camiño Inglés e 2 no de Fisterra-Muxía.
No seu conxunto, o proxecto actúa nos lugares do Camiño de Santiago nos que hai treitos comúns coa rede de estradas, creando sendas peonís alternativas nas zonas de circulación de vehículos. Esta iniciativa enmárcase no obxectivo da Xunta de Galicia por traballar na excelencia da experiencia da peregrinación, un dos propósitos do Plan Director dos Camiños de Santiago 2027. Búscase, ademais, reforzar a seguridade dos peregrinos que cada vez son máis numerosos polos distintos itinerarios e que medran a un ritmo actual do 26 %.
Todas as actuacións son froito dun estudo de inventariado e diagnose dos tramos comúns no Camiño de Santiago onde o peregrino comparte estradas de distinta titularidade (provincias, autonómicas ou estatais) cos vehículos. Tras a diagnose, avaliado o seu estado e identificados posibles riscos desde o punto de vista da seguridade viaria, planificáronse as actuacións necesarias para mellorar os tramos comúns no que respecta a súa sinalización, estado de conservación e seguridade.
Actuacións en Santiago e Abegondo
En concreto, no lugar da Sionlla, en Santiago de Compostela, “vaise crear un itinerario peonil en paralelo á estrada N-550” -indicou Calvo-, atravesando o leito do río Sionlla e por unha agrupación de terreos próximos ao actual percorrido do Camiño Inglés, para así garantir as condicións de seguridade, confort e accesibilidade aos peregrinos. Ademais, dispoñeranse ao longo do percorrido, as medidas de sinalización e balizamento precisas, mediante a instalación de mouteiras con sinal e cuncha do Camiño de Santiago, varanda de madeira de piñeiro, e balizas para impedir o paso dos vehículos.
Pola súa banda, no Concello de Abegondo, o novo itinerario do Camiño Inglés “discorre polos lugares de Limiñon e Meangos”, sobre o río Mero e o Rego do Fontao e por certos treitos da estrada DP-0105 e unha agrupación de terreos que limitan co vial. Parte das actuacións para levar a cabo a creación da senda atópanse nas marxes ou sobre a estrada DP-0105. No proxecto defínense as medidas a considerar para provocar as mínimas afeccións á estrada durante a execución das obras.