A Xunta salienta a importancia da acción exterior para a defensa dos intereses galegos en Bruxelas, o incremento das exportacións ou o apoio á diáspora
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, compareceu hoxe a petición propia no Parlamento de Galicia para dar conta dos resultados das viaxes ao exterior do presidente, os conselleiros e os altos cargos da Xunta durante o ano 2024, en liña co compromiso de transparencia e rigorosidade do executivo galego.
Gamallo salientou que, tendo en conta as previsións da Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX), os ámbitos xeográficos nos que a Xunta actuou e ámbitos materiais reflectidos no texto, responderon plenamente ás previsións do Goberno galego.
Así, indicou que tanto a defensa dos intereses galegos perante a Unión Europea en Bruxelas, a promoción dun turismo de calidade, da cultura e a lingua, o traballo cos países do sur na cooperación internacional ao desenvolvemento e o apoio aos galegos no exterior como a Estratexia Retorna para facilitar a volta de galegos a súa terra e o fomento do comercio, especialmente no eido das exportacións, constitúen as liñas básicas de actuación de toda a acción do goberno galego no exterior.
Recalcou a importancia das viaxes do presidente da Xunta e outros altos cargos a Portugal co obxectivo de impulsar da liña de alta velocidade ferroviaria Vigo-Porto-Lisboa. Este asunto é de especial importancia estratéxica para a vertebración territorial e para o social económico da nosa Comunidade e da eurorrexión no seu conxunto. Nesa liña foi especialmente relevante o seu desprazamento a Matosinhos para asumir a presidencia rotatoria no Plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, que aproveitou para defender, ademais, as potencialidades da afinidade lingüística entre o galego e o portugués e a mellora dos dereitos e condicións dos traballadores transfronteirizos.
Por outra banda, destacou as viaxes de altos cargos a países nos que se establecen as comunidades máis importantes de galegos no exterior. Os once países que agrupan ao 95% dos galegos que viven fora das nosas fronteiras concéntranse en Europa, Sur América e América Central, áreas xeográficas nas que tamén se concentrou a acción exterior galega.
Por último, Gamallo informou durante toda a comparecencia das viaxes dos altos cargos da Xunta a Bruxelas. O director xeral transmitiu que estas visitas son capitais para a defensa dos intereses de Galicia perante a Unión Europea nos diferentes ámbitos de actuación das consellerías. Neste senso, aproveitou para indicar a intención de Galicia de instar ao goberno español a convocar a Conferencia de Asuntos Relacionados coa Unión Europea. Este organismo non se emprazou nos últimos anos a pesar do interese das diferentes comunidades autónomas por informar ao goberno sobre a postura común acadada nestes últimos meses sobre o futuro da Política de Cohesión Europea no horizonte máis aló do ano 2027 que foi coordinada por Galicia.