A Xunta pon en servizo a nova vía de acceso entre a estrada autonómica AC-116 e o polígono industrial Río do Pozo, en Narón

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, supervisou o acondicionamento da estrada AC-116
Xunta de Galicia, a través da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, pon en servizo a partir do mércores, 19 de marzo, a nova vía que conecta a estrada AC-116 co polígono industrial de Río do Pozo, en Narón. Así o anunciou esta mañá a delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, durante unha visita as actuacións que se están ultimando nesta estrada autonómica coa execución de dúas glorietas e este ramal de acceso ao parque empresarial.
O proxecto, que supuxo un investimento de máis de 934.000 euros, consistiu na construción dunha glorieta no cruce entre a AC-116 e a estrada da Deputación (DP-5408), á altura do quilómetro 4+120, que se denominou glorieta norte, e outra nesta vía autonómica para conectala co polígono de Río do Pozo, no quilómetro 3+360 (glorieta sur), onde tamén se habilitou a nova vía que agora se abre ao tráfico.
Tal e como explicou a representante autonómica, esta última infraestrutura permitirá conectar a estrada autonómica AC-116 coa autovía Ferrol-Vilalba (AG-64) a través do parque empresarial “co que se evitará o tráfico pola vía provincial no núcleo de Santa Margarida, beneficiando así aos veciños da zona”, sinalou.
A execución da glorieta norte, de 32 metros de diámetro, supón tamén unha mellora na seguridade viaria da zona do Val, ao substituír a intersección en cruz con carrís centrais de xiro á esquerda e cuñas de aceleración e desaceleración que había ata o momento.
Martina Aneiros puxo en valor a actuación en tanto supón a mellora da mobilidade na parroquia ”ofrecendo aos seus veciños maior seguridade e comodidade nos seus desprazamentos ao mesmo tempo que contribúe a mellorar a competitividade da zona ao facilitar o tránsito cara ao polígono industrial de Río do Pozo”, dixo.