A Xunta inicia este mes de marzo nove cursos para mellorar as posibilidades laborais de persoas en risco de exclusión social
A Xunta de Galicia, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, desenvolve ao longo deste mes de marzo nove cursos dirixidos a persoas en risco de exclusión social para mellorar as súas condicións para atopar un emprego. Estas accións formativas están cofinanciados pola Unión Europea no marco do Programa FSE+Galicia 2021-2027.
Este programa formativo ten un carácter ocupacional e está enfocado a actividades económicas puxantes en emprego e cun amplo abano de posibilidades laborais, como son a construción, a loxística e o sector servizos. Esta programación está realizada polos Equipos comarcais de inclusión sociolaboral do Consorcio, tendo en conta as necesidades do mercado laboral de cada comarca e as características das persoas cas que traballan estes equipos.
En concreto, a relación de cursos é o seu lugar de celebración é a seguinte: Atención sociosanitaria en domicilios en Ames, monitor de comedor escolar e acompañante de transporte escolar no centro penitenciario de Teixeiro, monitor de ocio e tempo libre en Lalín, operario de limpeza industrial en Carballo, dous cursos de operario de almacén en Monterroso e O Carballiño, operario de xardinería e fitosanitarios en Ferrol, electricidade básica en Chantada e enerxías renovables no centro penitenciario de A Lama.