A Xunta concede case 400 axudas para a adquisición de taxis adaptados á mobilidade reducida, de baixas emisións ou eléctricos
A Xunta concedeu no último ano 398 axudas ao sector do taxi para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida, vehículos de baixas ou cero emisións, cun investimento total de 847.000 euros. Así se recolle na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), coa listaxe dos beneficiarios destas axudas concedidas para a adquisición destes vehículos, no marco da convocatoria do ano 2024.
As subvencións son de ata 1.000 euros para os taxis de baixas emisións, 4.000 euros no caso de vehículos de emisións cero e 10.000 euros para coches adaptados e accesibles a persoas con mobilidade reducida.
En concreto, nesta convocatoria da Xunta as axudas ao sector do taxis facilitaron a compra de 328 taxis de baixas emisións; e de 28 vehículos de emisións cero, e 42 vehículos adaptados a mobilidade reducida.
Cómpre lembrar que a Xunta publicou o pasado 5 de decembro as axudas da convocatoria deste 2025 destinadas á adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), de emisións cero e do tipo ECO, que conta cun orzamento de 500.000 euros para este 2025. Deste total, 290.000 euros van dirixidas á liña para taxi adaptado, con achegas de 10.000 euros por vehículo; 68.000 para taxi emisión cero, con axudas de 4.000 euros; e 142.000 para vehículos taxi ECO, por importes de 1.000 euros.
A medida vai dirixida ás persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou os servizos de Mobilidade competentes. O prazo para presentar as solicitudes á orde deste 2025 está vixente ata o próximo 14 de outubro.
No caso das liñas de taxi de CERO emisións e ECO, a orde axudas cubre a adquisición de vehículos realizada desde o 1 de maio do ano pasado ata a data límite para xustificar a axuda, o 31 de outubro de 2025. Para a liña Eurotaxi, subvenciónanse tanto os vehículos xa adquiridos en calquera momento, co compromiso de manter a titularidade e a actividade ao menos cinco anos, como os que se adquiran con posterioridade á presentación da solicitude e á data límite para xustificar a axuda.
O Goberno galego apoia desde hai anos aos profesionais do taxi, un sector que en Galicia dá emprego a preto milleiros de familias, conta con máis de 3.000 licenzas e presta un servizo esencial. Nesta liña, con estas axudas a Xunta pretende contribuír a garantir unha mobilidade accesible e sostible no transporte público.