A Xunta actualiza a regulación da publicidade nas farmacias e fixa os requisitos que deben cumprir na súa actividade en internet ou redes sociais
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informou de que o Consello da Xunta aprobou esta mañá o novo decreto polo que se regula a sinalización, identificación, información, publicidade e actividades promocionais das oficinas de farmacia e boticas anexas.
Tal e como explicou Calvo, o obxectivo é actualizar a lexislación vixente, de 2008, e adaptala “á nova realidade social, sobre todo no ámbito dixital”. Por iso, o novo decreto regula tamén os requisitos que deben cubrir as oficinas de farmacia na súa actividade en internet sexa a través dunha web propia ou das redes sociais. “Queremos limitar calquera tipo de comunicación ou publicidade que fomente o uso de medicamentos ou que poida supoñer un prexuízo á saúde ou seguridade da cidadanía”, indicou o conselleiro.
Estruturado en 8 artigos, o novo texto introduce unha serie de prescricións nas que se definen os requisitos que deben cumprir este tipo de establecementos sanitarios na súas actividades publicitarias e informativas. Así mesmo, tamén estandariza os elementos de sinalización das oficinas de farmacia na nosa comunidade.
Coa nova regulación, as oficinas de farmacia poderán publicitarse a través dos envoltorios, bolsas ou o papel empregado para os produtos dispensados, así como a través dos tickets de venda, a internet e mensaxería instantánea ou similares, sempre e cando nestas informacións consten, unicamente, os seus datos xerais de identificación: enderezo, contacto, horarios, calendario de gardas, etc. Tamén se permitirá a publicidade a través destes medios, das actividades sanitarias ou servizos autorizados ou acreditados pola administración sanitaria, que se realicen na oficina de farmacia.
Regulación das informacións no ámbito dixital
Entre as novidades que achega o decreto destaca a regulación de todas aquelas informacións e publicidade que as oficinas de farmacia difundan no ámbito dixital, ben sexa a través da súa páxina web, ou ben por medio das súas redes sociais.
Nestas plataformas, ademais de proporcionar datos sobre a súa localización e contacto, estará permitido achegar “información xeral sobre o uso racional de medicamentos” promovidos pola Administración sanitaria e os colexios oficiais de Farmacia, promover a educación sanitaria e a prevención das enfermidades, e tamén informar sobre aquelas campañas sanitarias nas que participe.
O envío de boletíns informativos por parte das oficinas de farmacia, o uso de tarxetas de fidelización ou ferramentas similares, así como a participación en campañas promocionais de calquera tipo, unicamente estarán permitidas cando non se refiran a medicamentos nin a produtos sanitarios e así se faga constar expresamente.
Están permitidos descontos sobre o prezo de venda que se contemplen na normativa de aplicación ou as promocións propias dos fabricantes ou distribuidores. Igualmente, as farmacias só poderán ofrecer incentivos, agasallos, premios ou obsequios, nos casos permitidos na normativa básica que resulte de aplicación.
Pola contra, tal e como explicou Calvo, nin a súa web, nin as súas redes sociais “poderán ofrecer ou enlazar con ferramentas de autodiagnóstico ou automedicación”, nin tampouco estará permitido facer publicidade da oficina de farmacia mediante a intervención de persoas de relevancia ou impacto mediático -influencers-.
Sinalización das oficinas de farmacia
Outra das medidas que inclúe este novo decreto, que substituirá o Decreto 107/2008, do 15 de maio, será a regulación relativa á sinalización e identificación das oficinas de farmacia e boticas anexas.
Neste sentido, o decreto define e estandariza os elementos de rotulación e soportes que deben empregar os establecementos farmacéuticos, co obxectivo de facilitar a súa localización por parte da cidadanía.
Así, a sinalización das farmacias será sempre unha cruz grega ou de malta, de cor verde que soamente permanecerá coa iluminación acendida durante os seus horarios de apertura e de garda.
No texto deste decreto, en cuxa elaboración participaron os colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia, establécese un prazo de seis meses para adaptarse aos requirimentos dunha normativa que reforza a condición de establecemento sanitario das farmacias.