A OMS e Unicef reacreditan o hospital do Salnés como centro sanitario de referencia na humanización da atención ao nacemento e a lactancia
A Organización Mundial da Saúde e Unicef renovan a acreditación ao Hospital do Salnés como centro sanitario de referencia na humanización da atención ao nacemento e a lactancia.
O acto de entrega da reacreditación contou coa presenza do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; da conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García; do delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera; e do xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores.
No seu uso da palabra, o conselleiro de Sanidade amosou a súa satisfacción por esta acreditación IHAN, que certifica o gran compromiso do Hospital do Salnés coa asistencia humanizada ao nacemento e á lactancia.
Incidiu en que este compromiso é froito do traballo dos profesionais deste hospital, que garanten que todas as nais e os seus fillos reciban o apoio necesario para iniciar e manter a lactancia materna con éxito.
Gómez Caamaño puxo en valor que a Xunta defende a lactancia materna como a mellor fonte de nutrientes para o correcto desenvolvemento infantil. A tal efecto, considera moi importante a promoción dunha boa educación prenatal e políticas sanitarias que fomenten a súa práctica e apoien ás nais no seu exercicio.
Exemplo de humanización
O máximo responsable do Servizo Galego de Saúde subliñou que o Hospital do Salnés hai 20 anos xa que é recoñecido con esta distinción internacional, converténdose nun exemplo de humanización e de calidade asistencial.
Ademais da acreditación que vén de renovar, este hospital da rede sanitaria pública galega conta tamén con outros programas destinados á mellora da experiencia das mulleres que están por dar a luz. Así, na súa estratexia de humanización ao parto e a lactancia, inclúese tamén a posibilidade dun plan de parto individualizado que atenda os desexos dos futuros pais e lles achegue maior serenidade.
O hospital fomenta tamén o contacto pel con pel que resulta esencial nas primeiras horas de vida para o benestar do bebé e a creación do vínculo nai-fillo.
Todas estas accións materializan o esforzo real deste hospital coa excelencia na atención materno infantil, garantindo que as familias reciban unha asistencia baseada na mellor evidencia científica e no máximo respecto ás súas decisións.
O titular da carteira sanitaria remarcou que a promoción da lactancia require dun esforzo conxunto, sendo un compromiso dos profesionais e as institucións, así como das familias e a comunidade en xeral. Ao respecto, destacou a importancia dos bancos de leite, que fan posible que todos os bebés reciban leite materno, ofrecéndolles os mellores beneficios para a súa saúde e desenvolvemento.
O conselleiro rematou a súa intervención incidindo na necesidade de avanzar en medidas que favorezan a conciliación, a formación continua dos profesionais e o acceso a espazos e recursos que faciliten a lactancia en diferentes ámbitos da vida.