publicidade hoxe

A conselleira María M. Allegue destaca o compromiso da Xunta para brindar oportunidades de vivenda á mocidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destaca o compromiso da Xunta para brindar oportunidades de vivenda á mocidade.

Allegue interveu hoxe no Parlamento de Galicia, onde salientou que a Xunta está a facer unha aposta sen precedentes pola vivenda, construíndo para duplicar o parque público nesta lexislatura; cooperando co sector para incentivar a construción; desenvolvendo solo para facilitar a construción de novas vivendas; rehabilitando inmobles e activando medidas lexislativas para axilizar os procedementos con seguridade xurídica.

Remarcou que para avanzar nesta materia tamén se precisa de maior investimento do Estado, xa que só o 9,6% dos fondos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para 2025 proceden do Goberno.

Neste sentido, criticou os escasos fondos cos que o Goberno dotou o Bono Alugueiro Mocidade, tal como a Xunta vén advertindo nos últimos meses. Así, tan só unhas horas despois de abrir o prazo de solicitude da última convocatoria, as peticións recibidas xa supuñan o dobre do montante orzamentado. A día de hoxe están rexistradas 5.603 peticións e o prazo remata este 28 de marzo.

Lamentou que non se pode xogar coas expectativas da mocidade e lanzar medidas cunha disposición orzamentaria que non coincide coa realidade.

Cómpre lembrar que nesta última convocatoria, o Ministerio de Vivenda asignou a Galicia soamente 11,4 M€ para 2025 e 2026, é dicir, pouco máis de 5M€ para cada ano.

Fronte a esta improvisación por parte do Goberno, a conselleira puxo en valor o traballo da Xunta, que ten en marcha nos últimos 11 meses máis de 2.000 novas vivendas en Navia en Vigo; Valdecorvos en Pontevedra; Garabolos, en Lugo; Ourense; Santiago; Xuxán, na Coruña; O Bertón, en Ferrol.

Fixo fincapé no especial compromiso da Xunta coa mocidade, establecendo que o 40% das novas vivendas que se constrúan para alugueiro se destinarán aos mozos de ata 36 anos; e o 25% para a venda tamén se dirixirán aos máis novos.

Avanzou unha medida pioneira, xa que proximamente o Goberno galego adxudicará o proxecto do primeiro inmoble que acollerá en Santiago 60 aloxamentos compartidos para menores de 36 anos e xa se traballa para estender a iniciativa a Vigo e Lugo.

Ademais subliño que a Xunta tamén adquire inmobles e os rehabilita, no marco do programa Rexurbe, nos cascos históricos de Betanzos, Ferrol, A Coruña, Mondoñedo, Lugo, Viveiro, Vilalba, Ourense, Tui ou Ribadavia.

Por outra parte, recordou que se está a traballar con preto de 15 concellos para tramitar a cesión de solo urbano consolidado no que ampliar a oferta de vivenda da comunidade. Referiuse aos avances nestes procesos con municipios como Pontevedra, A Coruña, Santiago de Compostela, Teo, A Estrada, Lalín ou Lugo.

Sinalou que se trata de seguir redobrando esforzos para desenvolver solo no que se poderían chegar a construír 25.000 novas vivendas nos próximos anos.

12 de marzo de 2025 | 16:20 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario