publicidade hoxe

Rueda anuncia a aprobación do novo plan de I+D+i, que medra un 20% ata os 1.310 M€ con medidas para atraer investigadores e que a ciencia impulse o progreso socioeconómico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

Rolda de prensa do presidente da Xunta

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a aprobación en Consello do “Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, que contará cun investimento de 1.310 millóns de euros, case un 20% máis que o anterior”. O documento, que inclúe numerosas novidades logo dun amplo proceso de participación cos integrantes da I+D+i galega, priorizará a atención en iniciativas de alto impacto para a Comunidade, como “a biotecnoloxía, as chamadas Deep Tech (intelixencia artificial e cuántica) e as tecnoloxías limpas”, apuntou. Así mesmo, dúas das principais novidades centraranse na “atracción e retención do mellor talento investigador e en procurar que o resultado do seu traballo chegue á sociedade”, repercutindo positivamente no desenvolvemento económico de Galicia e na calidade de vida da poboación.

Este plan plasma o compromiso do Goberno galego por impulsar a ciencia, un ámbito en que se lograron importantes avances nos últimos anos. De feito, tal e como recordou Rueda, o Instituto Nacional de Estatística (INE) vén de situar Galicia como a Comunidade onde máis medrou o investimento en I+D en 2023, último ano analizado. “É un 28% máis, case o dobre que o conxunto do Estado”, indicou. De igual modo, o número de traballadores dedicados á I+D non deixou de medrar ata as 13.856 persoas, o que representa un 12,2% máis.

Esta nova iniciativa é froito do traballo compartido entre todas as consellerías, representadas na Comisión Interdepartamental de I+D+i, cuxa coordinación se reflicte agora neste documento. O obxectivo da Xunta, indicou o presidente do Goberno galego, é “consolidar Galicia como un polo de referencia en investigación e innovación a nivel europeo e global”, fortalecendo o tecido científico e empresarial da Comunidade a través dunha combinación de liñas de traballo que dean continuidade ás de éxito existentes e impulse novas iniciativas para estar á vangarda.

Para iso, o plan permite planificar accións e centrar os esforzos en sectores prioritarios en que Galicia é competitiva a través dunha visión estratéxica. Deste xeito, quérese xerar un impacto económico e social transformador en todo o territorio, ofrecendo novas oportunidades de emprego e o desenvolvemento de capacidades tecnolóxicas para incidir na mellora dos servizos públicos e, en definitiva, da vida dos galegos.

Medidas máis destacadas

Tal e como explicou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, o plan establece o talento como piar imprescindible da I+D+i. Para iso, inclúe medidas dirixidas a captar, reter, atraer e retornar investigadores. “Unha das principais medidas será a creación dunha fundación de atracción de talento, que se constituirá este mesmo ano para comezar a funcionar”, explicou. Permitirá captar profesionais que traballen en calquera lugar do mundo, cos estándares máis altos de calidade e cuxo perfil responda ás necesidades do ecosistema galego de I+D+i en áreas estratéxicas.

Do mesmo xeito, Rodríguez avanzou a continuidade do programa Oportunius logo da “satisfactoria experiencia que supuxo nos últimos anos”. Grazas a esta iniciativa, traballan na Comunidade investigadores que obtiveron unha bolsa ERC, as máis prestixiosas que concede o Consello Europeo de Investigación. Por esta razón, reciben ofertas profesionais de diferentes países, pero Oportunius fai que se decanten por Galicia.

Igualmente, “é imprescindible que os proxectos que se desenvolven nos centros de coñecemento galegos cheguen á sociedade e repercutan positivamente nela”, asegurou. Para trasladar os resultados xerados, está en marcha con éxito o programa Ignicia, que propicia a transferencia destes avances ao mercado. Co novo plan, dáse un salto para impulsar a creación de startups derivadas de resultados de investigación. O fin é transformar os avances científicos e tecnolóxicos en oportunidades de desenvolvemento económico e social. Para isto, aplicarase o modelo coñecido como Venture Building, testado e recoñecido a nivel internacional, que identifica ideas con alto potencial de mercado e se encarga do seu acompañamento ata a consolidación empresarial.

En terceiro lugar, deseñarase e crearase, en colaboración cos axentes do ecosistema, unha “oficina piloto de valorización do coñecemento na biotecnoloxía para optimizar os procesos de identificación, protección e aproveitamento dos resultados xerados”.

Entre todas as medidas que se porán en marcha no marco do plan, tres ámbitos prioritarios estarán presentes en diferentes instrumentos ao tratarse de eidos de alto potencial e oportunidade para Galicia e nos cales a Xunta quere incidir. Estas son as áreas de biotecnoloxía, as tecnoloxías profundas (intelixencia artificial e cuántica) e as tecnoloxías limpas. Con isto non só se mantén a aposta de Galicia pola excelencia en I+D+i, senón que se introducen iniciativas para adaptarse a un contexto global en constante transformación e, así, asentar unhas bases sólidas para o crecemento.

Ámbito de traballo prioritarios

No ámbito da biotecnoloxía, onde se impulsará un polo de investigación e desenvolvemento da biotecnoloxía en Galicia, focalizarase o traballo na medicina xenómica, a creación de novos materiais, a farmacoloxía e a agroalimentación. No caso das denominadas Deep Tech, intelixencia artificial e cuántica, Galicia aspira a unha convocatoria europea, co apoio do Goberno central, para crear unha factoría de IA, onde deseñar, probar e implementar solucións que potencien a transformación dixital. Estará vinculada ao Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), que está ampliando as súas infraestruturas cun novo edificio e equipamentos avanzados por valor de 56 M€. Finalmente, o novo plan aposta pola investigación e a innovación para a produción de enerxía limpa, ámbito en que Galicia xa é unha das comunidades líderes en España.

Un dos empeños da nova política da Xunta en materia de ciencia é que a innovación repercuta en todo o territorio galego, tamén nas zonas rurais. Para iso, a Administración impulsará a creación de plans locais de I+D+i. Da man dos concellos, identificaranse necesidades nos servizos de proximidade municipais que poidan mellorar grazas á I+D+i.

Nese propósito de que a innovación estea no día a día da cidadanía, fomentarase a Compra Pública de Innovación, na cal Galicia é pioneira e líder en España. Trátase de procesos que aceleran solucións que non están dispoñibles no mercado ou necesitan ser adaptadas. Aos ámbitos en que se viña traballando ata o momento (sanidade, vehículos non tripulados e auga) sumaranse novos ámbitos e temáticas nos vindeiros tres anos.

“En definitiva, estamos ante un plan estratéxico que dá un salto cualitativo e cuantitativo para poñer a ciencia ao servizo de Galicia e para que poidamos afrontar os desafíos do futuro con máis garantías”, asegurou Román Rodríguez.

Máis de 200 persoas na elaboración

A elaboración do Plan de investigación e innovación 2025-2027 iniciouse en xullo de 2024 da man da Comisión Interdepartamental de I+D+i, da cal forman parte todos os departamentos da Xunta a través de 32 representantes. Paralelamente, tamén se fixo un traballo de consulta e colaboración con expertos de recoñecido prestixio e integrantes de toda a cadea de valor da I+D+i para garantir que este documento se adecúe ás necesidades e potencialidades do tecido científico e innovador de Galicia. Máis de 200 persoas participaron no proceso para poder establecer a folla de ruta que cómpre seguir para mellorar a economía, os sectores produtivos, a sociedade e o territorio.

3 de febreiro de 2025 | 15:55 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario