Nova convocatoria do Bono alugueiro mocidade dotada cun orzamento de preto de 13 M€ durante dous anos
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello acordou convocar unha nova edición do “Bono alugueiro mocidade” por un importe de preto de 13 millóns de euros. Tal e como explicou a apertura do prazo de presentación de solicitudes comezará “o vindeiro día 28 de febreiro” e prolongarase durante un mes, é dicir, remata o 28 de marzo.
O obxectivo deste programa é facilitarlles aos mozos e mozas menores de 36 anos o pagamento da renda da súa vivenda habitual cunha axuda de 250 euros ao mes, sempre e cando esta contía non supere o importe que aboan en concepto de arrendamento.
Trátase de facilitarlle o acceso a unha vivenda en réxime de alugamento ou de cesión de uso á xente nova con menos ingresos económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas arrendatarias.
A subvención concederáselles por un período de dous anos, coa posibilidade de recoñecer o dereito á axuda desde o 1 de xaneiro, sempre que o contrato estivese vixente nesa data. Para contratos asinados con posterioridade, concederase desde a data do contrato, sen que poidan concederse con posterioridade ao 31 de decembro do 2026.
Para poder acceder a estes incentivos, Rueda explicou que ademais de “ser menores de 36 anos” no momento de pedir a axuda, os solicitantes deberán dispor dunha fonte regular de ingresos, “acreditar que estes non superan 3 veces o Iprem (25.200 euros)” e certificar que a vivenda en cuestión é a súa residencia habitual, entre outros requisitos.
En canto ao importe da renda de alugueiro, non poderá superar os 700 euros nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Pontevedra. No caso dos municipios de Lugo, Ferrol e as contornas da cidades, esas contías máximas oscilarán entre os 600 e 500 euros. No resto dos concellos, a renda de alugueiro das vivendas non poderá exceder os 400 euros. Inclúese o cadro do importe da renda mensual de alugamento.
Antecedentes
O Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula o Bono alugueiro mocidade e o Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025 prevén que o Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana lles transferirá fondos ás comunidades autónomas, que son as encargadas da convocatoria e xestión da axuda.
Así, a Xunta publicou en xuño do 2022 a convocatoria das subvencións do Programa de bono alugueiro mocidade, cunha dotación de 22,8 M€, a metade para 2022 e a outra metade para 2023. Baixo esta convocatoria concedéronse 5.253 axudas e esgotouse o orzamento.
A nova convocatoria
Na Conferencia Sectorial de Vivenda e Axenda Urbana convocada polo Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana o 3 de outubro do ano pasado acordouse, por unanimidade, unha nova distribución entre as comunidades autónomas dos fondos do bono alugueiro mocidade, e o Ministerio negoues a atender a solicitude de modificar o real decreto que establece as bases para evitar os problemas da convocatoria de 2022, na cal quedaron sen axuda persoas que cumprían os requisitos.
A realización no mes de outubro da conferencia sectorial fixo imposible realizar a convocatoria da axuda en 2024, que sería factible de se ter realizado esta a comezos de ano. Deste xeito, a distribución de fondos foi aprobada polo Consello de Ministros o 15 de outubro, e posteriormente pola Conferencia Sectorial de Vivenda e Axenda Urbana.
Este fondos foron liberados en decembro de 2024, o que posibilita que agora a Xunta lance esta nova convocatoria de axudas, que sairá publicada cunha dotación de case 13 M€. Dese total, 11.400.000 euros corresponden á nova achega do Ministerio e resulta ser exactamente a metade do asignado en 2022.
A Xunta complementará eses fondos, ata acadar os preto de 13 M€, coa achega de 1.554.936 euros do remanente da convocatoria de 2022. Estes fondos corresponden a renuncias de adxudicatarios que finalmente non presentaron as xustificación correspondentes para o seu cobramento, polo que agora se incorporarán nesta nova convocatoria, autorizada hoxe no Consello da Xunta.
Rueda indicou que o Goberno galego lamenta a tardanza na transferencia estatal do crédito desta convocatoria, que ademais é insuficiente, tendo en conta que se “corresponde coa metade do asignado en 2022”, é dicir, tan só 5,7 M€ cada exercicio.