Medio Rural publica os modelos normalizados para solicitar a inclusión ou o acceso a explotacións no Banco creado pola Xunta a prol da remuda no agro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen os modelos normalizados das solicitudes de inclusión dunha explotación no Banco de Explotacións e de intermediación para o acceso a unha explotación nesta ferramenta. Os modelos habilitaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal, e figurarán na Guía de procedementos e servizos.

Esta norma publícase consonte ao establecido pola Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e permitirá, na práctica, a inclusión dunha explotación no Banco por parte das persoas titulares que pretendan cesar na súa actividade e, por outra banda, tramitar a solicitude de intermediación para o acceso a unha explotación do Banco por parte de persoas interesadas no seu arrendamento, permuta ou adquisición.

Esta orde, xunto co visor público, supoñen a posta en marcha, de facto, do Banco de Explotacións, tal e como foi aprobado este mesmo luns polo Consello da Xunta. O visor comezará a funcionar unha vez estean resoltas as solicitudes de inclusión e permitirá a localización e visualización das características principais das explotacións susceptibles de tramitación.

Cómpre salientar, ademais, que o proceso de transmisión de explotacións estará tutelado pola Administración autonómica, a través da rede de oficinas rurais. Calquera persoa interesada poderá dirixirse á súa oficina rural para informarse sobre este tema e recibir asesoramento.

Prazo aberto todo o ano

Na orde que publica hoxe o DOG establécese que as solicitudes presentaranse preferiblemente por vía telemática a través dos formularios normalizados dispoñibles na devandita sede electrónica da Xunta. O prazo de presentación estará aberto durante todo o ano.

Unha vez recibida a solicitude de inclusión dunha explotación agroforestal no Banco de Explotacións, a persoa titular da dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural ditará a resolución mediante a cal a incorporará ao Banco. O prazo de resolución das solicitudes será de tres meses. Se transcorre o prazo sen que se ditara resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

12 de febreiro de 2025 | 12:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.