publicidade hoxe

Convocan a máis de 100 profesionais seleccionados nos procesos de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria para a elección de destino provisional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaProvincias
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se publica a relación de postos que se ofertan e se convoca ás persoas seleccionadas no proceso selectivo extraordinario de estabilización, mediante o sistema de concurso, e no proceso selectivo, mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso en diversas clases de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria, para a elección de destino provisional.

As 104 persoas seleccionadas son persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria das clases de farmacéutico inspector de saúde pública, inspector farmacéutico, licenciado en farmacia, ATS/DUE, subinspector sanitario, inspector médico, licenciado en medicina e cirurxía, licenciado en ciencias químicas, licenciado en ciencias biolóxicas e licenciado en psicoloxía. Delas, o 82,7 % son mulleres que prestarán servizos nos distintos departamentos da Consellería de Sanidade e no Servizo Galego de Saúde.

O acto de elección de destino terá lugar o día 12 de febreiro de 2025 no salón de actos da Consellería de Sanidade.

O proceso selectivo de estabilización celebrará o seu acto de elección ás 9,00 horas para todas as clases (farmacéutico inspector de saúde pública, inspector médico e subinspector sanitario).

No caso dos procesos por concurso-oposición, ás 10,30 horas desenvolverase o acto de elección de destino das clases de farmacéutico inspector de saúde pública, inspector farmacéutico, licenciado en farmacia, ATS/DUE e subinspector sanitario. Ás 13,00 horas terá lugar a elección nas categorías de inspector médico, licenciado en medicina e cirurxía, licenciado en ciencias químicas, licenciado en ciencias biolóxicas e licenciado en psicoloxía.

Normas de elección

Os referidos actos de elección desenvolverase consonte as seguintes regras:

a) A solicitude que formulen as persoas aspirantes será vinculante e irrenunciable.
b) Os aspirantes deberán ir provistos de documento nacional de identidade ou outro documento que acredite de modo fidedigno a súa identidade; no caso de non compareceren persoalmente, poderán ser representados por terceiras persoas provistas de poder suficiente.
c) A persoa aspirante seleccionada que non opte por un destino, no prazo e de acordo ao procedemento establecido, non poderá ser nomeada persoal sanitario funcionario de carreira da respectiva clase, e quedarán sen efecto todas as súas actuacións.
d) Os aspirantes poderán solicitar ser declarados na excedencia voluntaria por prestación de servizos no sector público. Neste suposto, deberán presentarse ao chamamento cun certificado da persoa responsable da súa unidade de persoal de data posterior á da presente resolución no que conste a súa condición de persoal funcionario de carreira, estatutario ou laboral fixo.
Unha vez adxudicados os destinos, publicaranse no Diario Oficial de Galicia as resolucións polas que se declaren finalizados os dous procesos selectivos, con nomeamento como persoal funcionario de carreira e asignación de destino provisional.

Os aspirantes seleccionados poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas co procedemento de elección de destinos ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións nin recursos.

3 de febreiro de 2025 | 15:50 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario