Cinco empresas presentan ofertas para o subministro de material e a cesión de equipamento para a realización de terapias continuas de depuración extracorpórea no Servizo Galego de Saúde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaProvincias
A-
A+

Un total de cinco empresas presentaron antes o Servizo Galego de Saúde as súas ofertas para o subministro de material e a cesión de equipamento destinado á realización de terapias continuas de depuración extracorpórea.

A Xunta autorizou o pasado mes de xaneiro, mediante acordo marco, a subministración deste material e a posta á disposición de equipamento para a realización de terapias continuas de depuración extracorpórea con destino ás áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde, por un período de dous anos e un importe de 3.627.302 euros.

O valor estimado do contrato, tendo en conta as posibles prórrogas por outros dous anos máis, ascende a 6,7 millóns de euros.

Unha das complicacións máis frecuentes nas unidades de críticos é a insuficiencia renal ou fracaso renal agudo. Trátase dunha síndrome grave que se define como un deterioro brusco da función renal e entre os tratamentos están as técnicas continuas de depuración extracorpórea, que son un conxunto de terapias que purifican de maneira extracorpórea o sangue 24 horas ao día os sete días da semana.

As modalidades de depuración extracorpórea continua son a ultrafiltración, hemofiltración, hemodiafiltración e hemodiálise venovenosa continua.

Para levar a cabo estes procedementos é necesario contar con catéteres que permitan un bo acceso vascular, circuítos e filtros específicos para cada monitor de depuración, monitor de depuración extrarrenal e líquidos de reposición e diálise.

Compra centralizada

Trátase da primeira compra centralizada do Servizo Galego de Saúde deste tipo de material, seguindo a liña iniciada polo departamento sanitario galego.

Con esta licitación centralizada estímase un aforro de 1,1 millóns de euros para os catro anos de vixencia do contrato, incluídas as posibles prórrogas, polo que se mellora a sostibilidade do sistema sanitario público galego, á vez que se homoxeneiza a atención sanitaria a todos os usuarios do Servizo Galego de Saúde.

28 de febreiro de 2025 | 12:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.