publicidade hoxe

A Xunta unifica nunha única convocatoria con case 4 M€ os apoios á dixitalización, modernización e sustentabilidade do tecido comercial e artesanal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe sobre a nova orde de axudas por 3,9 millóns de euros para “promover o comercio local de proximidade e tamén a cada vez máis puxante artesanía galega” unificando nunha única convocatoria os apoios para impulsar “a dixitalización, a innovación e a sustentabilidade” do comercio retallista e dos obradoiros artesanais galegos.

Tal e como explicou o titular do Executivo autonómico, unifícanse por primeira vez estas tres liñas, o que permite avanzar na simplificación administrativa e na axilización das tramitacións co gallo de favorecer actuacións que contribúan á implantación dun modelo de comercio innovador e sustentable nas cidades e vilas galegas.

A través de tres tipos diferentes de axudas —que tal e como explicou o presidente da Xunta son “compatibles entre si”— o obxectivo é apoiar o sector para que se poida adaptar á nova realidade e ás tendencias de consumo a través da introdución de tecnoloxías que lle permitan conectar coas necesidades do cliente, mellorar a imaxe e os equipamentos dos establecementos para consolidar un comercio de proximidade moderno e atractivo e avanzar no compromiso ambiental e na eficiencia de recursos a través do emprego de bolsas e materiais de embalaxe con baixa pegada de carbono, eliminando materiais plásticos e axeitando o tamaño á dimensión dos produtos.

No ano 2024, a través da convocatoria de axudas para a transformación dixital, innovación e modernización do sector comercial e artesanal, beneficiáronse un total de 402 entidades (330 comerciantes retallistas e 72 obradoiros artesáns) por importe de máis de 2 millóns de euros. A eles sumouse o balance da convocatoria de axudas do programa Comercio Circular —agora integrada nesta orde para maior simplificación—, das cales se outorgaron un total de 303 axudas entre comerciantes retallistas, obradoiros artesáns e centros comerciais abertos, por un importe total de máis de 620.000 euros.

Liñas de apoios

Unha das principais novidades da orde —que se publicará o vindeiro 14 de febreiro no DOG cun prazo dun mes para presentar as solicitudes— é a aposta pola reorganización e sintetización das actuacións subvencionables, co obxectivo de que a tramitación sexa o máis práctica e doada posible. Ademais, increméntase a intensidade das axudas ata o 80%.

A primeira das liñas de apoio previstas, de dixitalización e innovación comercial, inclúe actuacións como a implantación e o mantemento de páxinas web, ferramentas de posicionamento dixital, terminais de autopagamento, xestión de redes sociais ou loxística e-commerce, entre outras. A contía máxima de axudas neste punto é de 35.000 euros.

En canto á segunda liña, “busca a modernización do comercio desde o punto de vista das súas infraestruturas”, tal e como apuntou Alfonso Rueda. Cóbrense obras de acondicionamento e reforma da superficie de exposición e venda, incluíndo a adquisición de mobiliario auxiliar; custos de servizos profesionais para a redacción de proxectos de interiorismo e decoración, así como accións encamiñadas á mellora da eficiencia enerxética. Tamén prevé a adquisición de maquinaria, ferramentas ou equipamento auxiliar relacionado coa actividade comercial e artesanal. Neste caso, as axudas poden chegar aos 19.400 euros.

Por último, na liña destinada a “favorecer sustentabilidade ambiental”, considéranse subvencionables as actuacións dirixidas á redución das cantidades de embalaxe mediante a adaptación do seu tamaño á dimensión dos produtos, con investimentos en caixas de cartón ou bolsas de papel 100 % reciclado, recheos para embalaxe, bolsas de tea de algodón, liño ou cánabo 100 %. Neste caso, o investimento máximo subvencionable é de 2.500 euros e a axuda máxima outorgada será de 2.000 euros.

Plan estratéxico de comercio

Esta orde de axudas —simplificada seguindo a mesma filosofía da nova convocatoria de apoios aos autónomos— enmárcase no conxunto de medidas de impulso ao comercio promovidas pola Xunta, implementadas cun investimento á alza para seguir potenciando un sector clave na xeración de emprego e na dinamización das economías locais. Neste marco, o Goberno galego ultima o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que estará rematado neste primeiro trimestre incluíndo unha batería de ferramentas para afrontar os retos deste eido produtivo, tras un proceso participativo e de escoita activa.

Co obxectivo de potenciar todas estas actuacións, financiadas exclusivamente con fondos propios —máis de 10,4 M€ en 2024—, o Executivo autonómico reitera a necesidade de sumar esforzos entre administracións —tal e como xa demandou nunha recente reunión coa secretaria de Estado de Comercio— reclamando que Galicia poida acceder a recursos Next Generation que o Goberno central reservou e que non está a executar.

Este cofinanciamento permitiría reforzar medidas como o proxecto Vilas Vivas —eventos efémeros de dinamización iniciados de xeito piloto en Ribadavia no Nadal— ou a transformación das prazas de abastos en mercados excelentes, e que Galicia seguirá desenvolvendo este ano xunto con outras liñas de actuación, como os bonos Activa Comercio, con 5 M€ consignados nos orzamentos de 2025, para revalidar o éxito dunha medida que na súa última edición mobilizou máis de 22,5 M€ en vendas en toda Galicia.

3 de febreiro de 2025 | 15:55 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario