A Xunta publica a nova convocatoria para a contratación de socorristas dotada con 1,5 M€ e que chegará a máis beneficiarios
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, anunciou hoxe no Parlamento a próxima convocatoria para apoiar as administracións locais na contratación de socorristas de cara á próxima campaña de verán. A nova orde de axudas, dotada con 1,5 millóns de euros, publicarase a próxima semana para facilitar a súa resolución antes do período financiable, que vai do 1 de xuño ao 30 de setembro deste ano.
Como novidade, Natalia Prieto destacou que esta convocatoria se reforza ao permitir chegar a máis beneficiarios, xa que poderán acceder a ela tanto os concellos de xeito individual como as mancomunidades de municipios que presten o servizo de salvamento e socorrismo de xeito conxunto.
Así, a Xunta continúa a mellorar as condicións desta liña de axudas, que xa no pasado exercicio ampliou a tipoloxía de gastos subvencionables ao darlle cobertura tanto ao persoal propio destinado ao servizo como á prestación a través dunha empresa externa. En todo caso, as persoas que realicen estas tarefas deben estar dadas de alta no Rexistro profesional de socorristas acuáticos de Galicia.
Segundo apuntou a directora xeral, a boa acollida da medida reflectiuse no incremento de solicitudes, que ademais foron atendidas na súa totalidade con 185 concellos beneficiados, 30 máis que en 2023. As axudas permitiron cubrir ata o 75% do gasto cun máximo de 35.000 euros.
Con esta medida a Xunta quere facilitar a contratación de socorristas como parte da competencia en materia de salvamento en instalacións acuáticas de titularidade municipal e en praias que, como lembrou a directora xeral, segundo establece a lexislación é exclusivamente local. Reafírmase así o compromiso e vontade de colaboración cos concellos.
Outras liñas de apoio
Nesta liña, sinalou que o Goberno galego colabora tamén na prestación deste servizo municipal a través doutras canles, como o Plan de protección civil de salvamento de praias de Galicia (Sapraga). Ademais destas axudas á contratación de socorristas, a Xunta colabora na cesión aos concellos de material de salvamento e rescate, e a formación gratuíta destes profesionais a través de cursos impartidos na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).
Con respecto a estes dous últimos marcos de acción, por unha banda, desde 2015 a Xunta leva cedido aos concellos material para prestación dos servicios de Protección Civil e emerxencia por importe superior aos 27 millóns de euros, entre os que figuran 88 embarcacións de rescate e 12 motos de auga. Por outra, en canto á formación, a Agasp prevé impartir este ano 18 cursos para socorristas.
Natalia Prieto referiuse tamén a outras medidas da Xunta para garantir a seguridade nos municipios máis turísticos durante a época estival, como é o caso das subvencións para a contratación de auxiliares de Policía Local.