A Xunta pon en valor o papel das organizacións sindicais para consolidar unha función pública profesional, motivada, eficiente e orientada ao servizo público

Intervención da directora Nuria Aguilar
A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, Nuria Aguilar, puxo en valor hoxe o papel das organizacións sindicais para consolidar unha Función Pública profesional, motivada, eficiente e orientada ao servizo público.
Durante a súa participación na VII Conferencia do Sector da Administración Autonómica de Galicia, dentro do marco do XIII Congreso Confederal de CC.OO., Nuria Aguilar afirmou que nesta lexislatura a Xunta seguirá afondando nas políticas que prestixien a figura do persoal empregado público, que estendan a cultura da transparencia no exercicio da función pública, fomenten a participación e os mecanismos de goberno aberto e completen o cambio tecnolóxico nas condicións de traballo, para atender á cidadanía as 24 horas do día, os 365 días do ano.
Coa finalidade de acadar este obxectivo, fixo fincapé na importancia de contar co traballo das organizacións sindicais. “Queremos continuar por este camiño, intensificando a negociación colectiva, e queremos facelo da man das organización sindicais que, coma CC.OO., teñen a súa finalidade na defensa do persoal empregado público, tarefa na que podedes contar coa colaboración da Administración galega”, abundou.
A directora xeral de Emprego Público concluíu lembrando o compromiso de seguir avanzando na equiparación de dereitos e obrigas dos colectivos que integran a Administración Pública galega.