publicidade hoxe

A Xunta pon en marcha un plan integral de formación en ecografía para médicos de atención primaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Sanidade vén de poñer en marcha o Plan Integral de Formación en Ecografía para médicos de atención primaria. Esta iniciativa ten como obxectivo dotar os profesionais do primeiro nivel asistencial das competencias necesarias para o uso da ecografía como ferramenta diagnóstica, mellorando a súa capacidade resolutiva e a calidade asistencial.

A Consellería de Sanidade, a través da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), segue a apostar pola formación co obxectivo de impulsar o desenvolvemento de competencias avanzadas que melloren a atención á cidadanía.

Trátase dunha metodoloxía innovadora e accesible que combina formación teórica, prácticas virtuais e presenciais para ofrecer un adestramento adaptado ás necesidades de cada profesional, optimizando a súa aprendizaxe e habilidades diagnósticas.

O deseño deste plan contou coa participación e consenso das tres principais sociedades científicas de atención primaria: SEMERGEN, SEMG e SEMFYC.

Este ambicioso plan formativo parte desde un curso teórico de autoformación (dispoñible na aula virtual da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde), que se completa con 42 talleres prácticos que se desenvolverán nas distintas áreas sanitarias. Así, conta cunha dispoñibilidade inicial de 840 prazas para facultativos de primaria e acceso a actividades prácticas cun simulador virtual de ecografía.

Metodoloxía innovadora e accesible

Realizado por ACIS en colaboración coa Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, o plan estrutúrase en tres fases formativas. A primeira, “Principios básicos da ecografía e anatomía aplicada” é un curso teórico, en liña as 24 horas do día que está a disposición de todos os interesados ata o 31 de decembro de 2025.

Este módulo introdutorio, con prazas ilimitadas, ofrece os coñecementos fundamentais sobre os principios físicos da ecografía, a tecnoloxía ecográfica e a anatomía relevante para a práctica clínica. A súa superación será un requisito imprescindible para acceder ás actividades prácticas presenciais e ao uso do simulador virtual.

A segunda fase, actividades prácticas presenciais, estarán organizadas en grupos reducidos en cada unha das sete áreas sanitarias. Con elas, preténdese optimizar a aprendizaxe mediante a utilización directa do ecógrafo. Inclúense tres talleres especializados, ecografía abdominal: hepato-biliar e pancreática; ecografía musculoesquelética: diagnóstico en ombreiro, xeonllo e roturas musculares; e ecografía urolóxica, renal e pélvica.

Respecto da terceira fase, que consiste en actividades prácticas con simulador virtual, a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde facilitaralles aos participantes admitidos nos cursos presenciais unha licenza persoal para acceder durante un ano ao simulador virtual de ecografía. Este innovador recurso de formación permitirá reforzar os coñecementos adquiridos e perfeccionar as habilidades diagnósticas nunha contorna flexible e interactiva.

O simulador destaca pola práctica ilimitada en liña, con acceso continuo e sen restricións para adestrar en calquera momento; pola comparación entre estruturas sans e patolóxicas, xa que permite mellorar o recoñecemento clínico a través da observación de casos reais e simulados; e pola aprendizaxe interactiva, posto que integra ferramentas dinámicas de avaliación, proporcionando unha contorna que favorece a retención de coñecementos e a mellora progresiva das competencias diagnósticas.

Os participantes poderán acceder a unha ampla base de casos prácticos que abranguen diferentes tipos de ecografía. Para optimizar a aprendizaxe e obter o máximo rendemento das sesións presenciais co ecógrafo real é recomendable completar previamente na plataforma o bloque correspondente ao curso no que se estea inscrito. Desta maneira, garantirase unha maior comprensión dos contidos teóricos e unha aplicación máis eficaz nas actividades prácticas.

A información completa e detallada sobre cada unha das actividades formativas, incluíndo contidos, datas, horarios, modalidades e as ligazóns directas para realizar a inscrición, está dispoñible na seguinte páxina.

Os médicos que completen o programa obterán o correspondente recoñecemento no expediente electrónico (FIDES) de forma automática, facilitando a súa progresión profesional dentro do Servizo Galego de Saúde.

3 de febreiro de 2025 | 15:49 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario