publicidade hoxe

A Xunta destina preto de 700.000 € para impulsar accións de divulgación, formación e asesoramento en economía social no marco da Rede Eusumo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaProvincias
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha nova edición da convocatoria de axudas dirixidas ás entidades de economía social que forman parte actualmente da Rede Eusumo —actualmente máis dun cento— co obxectivo de que desenvolvan, no período 2025-2026, accións de divulgación, formación e asesoramento a persoas que estean a promover a súa actividade a través desta fórmula. A previsión é que se poidan beneficiar destas achegas unhas 40 entidades que poderán realizar accións para unhas 4.000 persoas.

Esta liña, que terá o prazo de solicitude aberto desde mañá 8 de febreiro ata o vindeiro 7 de marzo de 2025, conta cun orzamento bianual de 690.000 euros para apoiar os colectivos que colaboran coa Rede Eusumo e contribuír ao impulso do cooperativismo e as fórmulas da economía social na comunidade galega.

As achegas, de ata un máximo de 190.000 euros, beneficiarán asociacións, concellos ou agrupación deles, cámaras de comercio, universidades e/ou fundacións e asociacións profesionais, empresariais ou sindicais inseridas na Rede, podendo presentarse de xeito individual ou en conxunto.

Neste marco, financiaranse accións de divulgación da economía social, a elaboración de estudos ou guías con contido inédito, iniciativas de asesoramento e acompañamento a promotores e de formación.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración reserva 379.500 euros do orzamento global para apoiar actividades de sectores específicos como o dos coidados, o agroalimentario, a economía circular, as enerxías renovables, as novas tecnoloxías ou as industrias culturais, entre outros.

Impulso á economía social

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ten orzamentados en economía social para o ano 2025 máis de 44 M€, un 2,77 % máis que o ano anterior. Neste marco, impúlsanse outras convocatorias como o programa Aprol Economía Social, cun orzamento de 5 millóns de euros para impulsar o emprego e fomentar a competitividade de cooperativas e sociedades laborais e cuxo prazo de presentación estará aberto desde o 17 de febreiro ata o 16 de setembro de 2025.

Tamén destacan as axudas destinadas a sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, de sociedades laborais, de centros especiais de emprego e de empresas de inserción, dotadas con 330.000 euros e con prazo vixente ata o 4 de marzo.

7 de febreiro de 2025 | 13:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.