publicidade hoxe

A Xunta autoriza unha compra de vacinas por un importe de 7,3 M€ para manter o calendario de vacinación máis completo do mundo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

O Consello da Xunta, na súa reunión semanal, autorizou a contratación da subministración sucesiva de sete vacinas, durante dous anos, por un importe de 7.314.247,20 euros, o que lle permite a Galicia manter o calendario de vacinación máis completo do mundo.

O Executivo galego, nos seus orzamentos de 2025, incrementou un 3,27 % o investimento no Programa galego de vacinación ata acadar os 41 millóns de euros neste exercicio.

Mediante o presente contrato está prevista a subministración ao longo do ano 2025 e en 2026 de 289.400 doses de 7 vacinas das 13 recollidas no Programa galego de vacinación. Esas 7 vacinas permiten inmunizar fronte ás seguintes enfermidades: rotavirus, haemophilus influenzae B, poliomelite, hepatite B, varicela e, cunha única vacina, fronte á difteria, tétano e tose ferina, xunto á coñecida como a triplo vírica que protexe do sarampelo, rubéola e parotidite.

Ademais, o calendario galego de inmunización ao longo de toda a vida inclúe tamén as vacinas fronte á gripe, o virus do papiloma humano, o herpes zóster, a enfermidade pneumocócica, a meningocócica e o anticorpo monoclonal contra o virus respiratorio sincitial. A estas 13 vacinas do calendario hai que engadir a campaña especial fronte á covid-19.

Alta cobertura poboacional

Galicia dispón de elevadas taxas de cobertura vacinal, tanto nas vacinas infantís como no caso de campañas estacionais como a da gripe.

As coberturas en primovacinación na idade infantil son superiores ao 98 %. É preciso manter estas altas coberturas infantís en Galicia, xa que son esenciais para garantir a protección colectiva contras as enfermidades inmunoprevibles, así como o control da incidencia das ditas enfermidades.

En concreto, esta temporada chegouse a un 71,97 % de persoas maiores de 65 anos vacinadas fronte á gripe e na campaña que continúa en marcha fronte ao virus respiratorio sincitial as familias do 91,53 % dos bebés nados desde setembro de 2024 aceptaron inmunizar os seus fillos e fillas ao nacer, e esta porcentaxe está no 89,41 % no caso de nenas e nenos recaptados ata os seis meses de idade.

A Consellería de Sanidade baséase na evidencia científica e na avaliación das intervencións en saúde para concluír que os programas de vacinación constitúen unha das medidas máis eficaces e de mellor relación custo-beneficio de todas as actuacións sanitarias.

A estabilidade do Programa galego de vacinación fixo desaparecer practicamente moitas das enfermidades típicas da infancia como, por exemplo, o sarampelo, a poliomielite ou a difteria. Tamén permite manter en niveis moi baixos outras enfermidades como o tétano, a hepatite B, varios tipos de meninxite etc.

17 de febreiro de 2025 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.