A proba O Gran Camiño sitúa Galicia coma referente do ciclismo mundial e actúa como escaparate do atractivo turístico da comunidade

Presentación da proba ciclista
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a proba ciclista O Gran Camiño -que arrancará o vindeiro día 26 desde Portugal- sitúa Galicia coma referente internacional neste deporte e actúa como un gran escaparate da comunidade para atraer máis visitantes. “É unha maneira de promocionar o deporte en Galicia e tamén de promocionar a nosa terra”, destacou.
Tras percorrer en bicicleta parte dunha das etapas deste ano -entre Marín e A Estrada-, acompañado de varios exciclistas profesionais coma Álvaro Pino, Óscar Pereiro, Alex Marque e Ezequiel Mosquera, Rueda destacou que esta proba permitirá que os galegos desfruten do mellor do ciclismo na súa terra e poñerá en valor os atractivos da comunidade coma destino turístico. Tamén sinalou que “en moi poucos anos consolidouse como unha das voltas de principios de ano máis importantes a nivel internacional”.
Nesta edición, o Gran Camiño amplía o número de etapas ata cinco. Haberá, como en anteriores ocasións, unha por cada provincia e ademais por primeira vez a competición arrancará fóra das fronteiras galegas, en Portugal.
O ano pasado a proba contou coa participación de 118 ciclistas de 17 equipos e foi retransmitida en directo para un total de 170 países.