Unha nova convocatoria para investigadores posdoutorais eleva a case 300 os contratos cun investimento de máis de 55 millóns de euros
A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia as axudas para contratos posdoutorais, tanto de nova incorporación como de continuidade. Estas convocatorias, dotadas con case 20 M€, financian ata 2031 o traballo de profesionais xa doutorados co obxectivo de que establezan unha liña de investigación e na procura de que, no futuro, poidan consolidar a súa traxectoria no sistema de I+D+i galego.
Con esta nova inxección, o investimento en vigor por parte do Goberno galego para estes investigadores supera os 55 M€ para preto de 300 contratos, o que se plasma o compromiso da Xunta coa investigación e a innovación en Galicia.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP terá aberto ata o 28 de febreiro o prazo para solicitar estas axudas para a etapa posdoutoral, que permitirá que 73 novos doutorados poidan desenvolver o seu proxecto de investigación nas universidades públicas, nos organismos públicos de investigación, nas fundacións públicas de investigación sanitaria e nos centros do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) da nosa Comunidade. Estes contratos súmanse aos 210 vixentes ata agora.
Seis anos de duración
No caso da convocatoria de apoio aos novos contratos posdoutorais, destinaranse concretamente 15,9M€ para 49 contratos. Durante os primeiros tres anos, os beneficiarios recibirán ata 32.800 euros ao ano. A maiores, terán un complemento por cada mes de estadía no estranxeiro segundo a zona de destino e se teñen a condición de bolseiro Fulbright. Durante os tres seguintes anos, logo de superar a avaliación intermedia, obterán 50.900 euros anuais, incluídos os complementos para o establecemento dunha liña propia de investigación.
No que atinxe as axudas para rematar a etapa posdoutoral, convocaranse 24 contratos de continuidade cun orzamento de case 3,7M€. Con esta convocatoria, o Goberno galego completa a formación dos investigadores que aínda continúan no modelo anterior de posdoutorais, que tiña unha duración de cinco anos, dividido en dúas fases de tres e dous anos, e cuxos contratos poden así estenderse a un total de seis anos en igualdade de condicións co novo modelo. O importe máximo dos contratos será de 49.950 euros.
Como novidade este ano, aumentan as axudas para o financiamento dos contratos posdoutorais, actualizando as contías e así incrementar o poder adquisitivo das persoas contratadas.