Rueda e Azcón reafirman a vixencia da Declaración de Santiago en materia de financiamento autonómico e reclaman unha negociación multilateral

O presidente da Xunta mantivo unha reunión institucional co seu homólogo aragonés
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o de Aragón, Jorge Azcón, avogaron hoxe por un modelo de financiamento autonómico xusto e solidario, seguindo os principios da Declaración de Santiago que asinaron estas comunidades e outras seis en 2021. Ademais, tamén reclamaron que a reforma sexa negociada de forma multilateral.
Rueda e Azcón mantiveron hoxe un encontro institucional, tras o que asinaron un documento no que ratificaron que ambas comunidades seguirán defendendo un sistema de financiamento baseado nos principios da Declaración asinada hai algo máis de 3 anos. “Os problemas que se detectaron nese momento non só se manteñen, senón que se agudizaron”, reflexionou Rueda. Por iso, ambos presidentes adiantaron que se dirixirán ao resto de comunidades que asinaron o documento co obxectivo de renovar o seu compromiso con estes principios.
Así, fixeron fincapé na necesidade de que a reforma do sistema de financiamento se aborde de xeito multilateral. “Pedimos que o que é de todos se discuta e se reparta entre todos”, apuntou o presidente galego, quen tamén demandou que se destinen os recursos necesarios para cubrir o custo real dos servizos, que se ven encarecidos en ambas comunidades por circunstancias como o envellecemento ou a dispersión. Como exemplo, citou que Galicia concentra a metade dos núcleos de poboación de toda España.
Ademais de financiamento, no encontro ambos presidentes tamén abordaron a necesidade de seguir potenciando unha transición xusta apoiada nas enerxías renovables, un sector no que ambas comunidades son líderes. Rueda apuntou que actualmente “hai un problema grande coa planificación eléctrica do país”, e apuntou que as industrias ou proxectos futuros precisan que dunhas infraestruturas enerxéticas que lle dean servizo. Por iso, pediu que a planificación enerxética do Goberno central “se adapte ao ritmo de creación de riqueza de Aragón e Galicia”.
En materia de sanidade, Aragón mostrou o seu interese en coñecer o sistema de compra centralizado de materiais que se aplica en Galicia. Neste sentido, Rueda reivindicou a eficacia deste sistema, que permitiu un aforro desde 2020 duns 50 millóns de euros.
No referente á intelixencia artificial, ambos presidentes autonómicos coincidiron na importancia de aproveitar todas as súas potencialidades, especialmente aplicadas á mellorar o servizo que se presta á cidadanía a través da administración. De feito, este é un dos obxectivos da futura Lei de intelixencia artificial de Galicia, xa aprobada no Consello da Xunta e que converte a esta comunidade na primeira rexión europea en regular o uso desta tecnoloxía.
Por último, en materia de turismo, Rueda destacou que tanto Aragón como Galicia ofrecen un turismo moi buscado hoxe en día, “baseado nas experiencias”, e reivindicou o Camiño de Santiago como un motor turístico. Neste sentido, destacou a necesidade de seguir traballando en rede para potenciar esta ruta, que atravesa distintas comunidades.