publicidade hoxe

O Intecmar recibe á directora executiva da AESAN para mostrar o funcionamento do laboratorio nacional de referencia de biotoxinas mariñas

Covadonga Salgado amosou as instalacións nas que se realizan os traballos de control

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) recibiu esta semana a visita dunha delegación da AESAN ao mais alto nivel, encabezada pola recentemente nomeada directora executiva da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), Ana López-Santacruz, acompañada pola directora do Centro Nacional de Alimentación, Juana Bustos e a directora do Laboratorio de Biotoxinas Mariñas de AESAN en Vigo, Sabrina Otero. No Intecmar, foron recibidas pola directora do centro autonómico, Covadonga Salgado, e o seu equipo, e puideron coñecer as redes de controis de seguridade alimentaria, de enfermidades dos moluscos e o labor do Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia, centrándose a visita posteriormente no traballo que se desenvolve na Unidade de Biotoxinas da man dos responsables técnicos da mesma.

A directora do Intecmar destacou ante as responsables estatais a experiencia e traxectoria de máis de 30 anos do centro que o levou a ser o primeiro laboratorio de Europa na acreditación de análise histopatolóxicas de moluscos, así como o pioneiro centro de control oficial de España en acreditar o método analítico de referencia de toxinas mariñas lipofílicas, mediante cromatografía de líquidos con detector de espectrometría de masas. Na actualidade está situado á vangarda europea e mundial cun interese triplo: a protección do medioambiente mariño e o aumento da calidade das augas; a preservación do litoral e o incremento da seguridade marítima; e a conservación dos recursos mariños e o coidado da saúde, tanto dos animais mariños como das persoas que os consumen como alimento, destacando neste último aspecto, na identificación e detección dos distintos tipos de toxinas presentes na costa galega.

Unha actividade de control que se sustancia cada ano na realización do entorno dos 10.000 análises de biotoxinas mariñas, a emisión de máis de 600 informes do estado das zonas e a aprobación de máis de 400 resolucións que regulan a actividade extractiva das áreas onde se producen moluscos bivalvos en Galicia. Unha tarefa para a que conta cunha ampla rede de puntos de toma de mostras ao longo do litoral galego que ofrece un alto nivel de eficiencia na resposta ao sector marisqueiro e bateeiro trasladando información de forma transparente, rápida e efectiva sobre as incidencias de peches e aperturas das zonas produtivas.

A visita institucional tamén serviu para abordar coa nova directora executiva de AESAN a renovación do convenio polo que se instrumenta unha encomenda de xestión para a colaboración no marco das actividades desenvolvidas como Laboratorio Nacional de Referencia de Biotoxinas Mariñas (LRBM).

López-Santacruz agradeceu a acollida e amosou o seu recoñecemento polo papel líder e complexo que Intecmar leva a cabo como Laboratorio Nacional de Referencia de Biotoxinas Mariñas e alabou a excelencia e profesionalidade do persoal do Intecmar.

31 de xaneiro de 2025 | 13:44 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario