publicidade hoxe

Nova edición do certame Cooperativismo no Ensino e dos Premios á Cooperación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaProvincias
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de 2025 do certame Cooperativismo no Ensino e dos Premios á Cooperación, unificando por primeira vez nunha mesma orde estes recoñecementos da economía social de Galicia co fin de avanzar na simplificación administrativa e na difusión dos valores do cooperativismo entre o alumnado dos centros educativos da comunidade galega, así como para recoñecer o labor que realizan as cooperativas no desenvolvemento deste modelo.

A esta convocatoria, que estará aberta desde mañá ata o 30 de abril para a presentación de solicitudes, o Goberno galego destina 43.000 euros. Desa cantidade, 28.000 euros son para o certame Cooperativismo no Ensino 2025 e 15.000 euros para os Premios á Cooperación e enmárcase na aposta global da Administración autonómica a prol da economía social, ámbito para o que nos orzamentos deste ano hai consignados máis de 44 millóns de euros, superando nun 2,8 % aos do ano pasado.

En concreto, esta convocatoria contribúe a visibilizar o papel do cooperativismo como motor de crecemento económico sustentable, que crea emprego de calidade, integrador e asentado no territorio contribuíndo a xerar actividade e a fixar poboación no rural.

Certame de Cooperativismo no ensino

En relación con Cooperativismo no Ensino, o certame estará aberto á participación de centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial, do mesmo xeito que na última edición na que participaron 25 centros educativos.

As rapazas e rapaces poderán presentar os seus traballos en tres diferentes modalidades. A primeira é de actividades artísticas e está dirixida a educación infantil, primaria e educación especial). A segunda correspóndese con actividades cooperativizadas para educación secundaria obrigatoria e educación especial e a terceira é a de proxectos empresariais cooperativos, destinada a centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial. Ao centro gañador e o accésit ao mellor proxecto empresarial poderán entrar a formar parte dos programas de emprendemento na economía social e mentorización que desenvolve a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a través da Rede Eusumo e da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.

Premios á Cooperación

Pola súa banda, aos Premios á Cooperación poden optar todas as cooperativas galegas que teñan destacado polo seu traballo, que estean ao día das súas obrigas e que non resultaran recoñecidas en anos anteriores. Ao igual que en edicións previas -como a última, na que participaron 14 cooperativas- as modalidades da convocatoria son tres: premio aos valores cooperativos, ao mellor proxecto cooperativo novo e á traxectoria cooperativa. Cada un destes galardóns está dotado con 5.000 euros.

O premio aos valores cooperativos outorgarase á entidade que máis teña destacado no impulso dos valores e principios cooperativos recoñecidos como a adhesión voluntaria e aberta, a xestión democrática, e equidade, a solidariedade, a transparencia, a educación e formación ou ao interese demostrado en favor da comunidade, entre outros.

Na categoría de mellor cooperativa nova, recoñecerase unha entidade cunha antigüidade igual ou menor a 42 meses, que destaque polas contribucións nos aspectos sociais, económicos, culturais ou ambientais. O galardón á mellor traxectoria diríxese a cooperativas con máis de 42 meses de antigüidade, e que teña resaltado, entre outros, pola solidez dos resultados económicos acadados, a xeración de postos de traballo, as relacións de intercooperación ou a expansión territorial do seu negocio.

31 de xaneiro de 2025 | 13:40 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario