Medio Rural destinará 4,8 M€ no período 2025-2029 para fomentar o coidado e mantemento das forestacións derivadas das súas ordes de axudas
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2025 os compromisos de mantemento de forestacións, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da Política Agrícola Común de España (Pepac) para o período 2023-2027, cun orzamento total de 4,8 millóns de euros.
Estas achegas concederanse en réxime de concorrencia non competitiva e corresponden aos compromisos de mantemento de forestacións derivadas das ordes beneficiarias para os anos 2025, 2026, 2027, 2028 e 2029. En concreto, poden beneficiarse destas primas exclusivamente as persoas titulares de superficies forestais que fosen plantadas con subvencións xestionadas pola Xunta antes do 31 de decembro de 2024 ao abeiro das ordes de axudas para a creación de superficies forestais dos anos 2020, 2021, 2022 e 2023.
As primas teñen como finalidade contribuír ao coidado, mantemento e demais traballos forestais posteriores á plantación, financiando os labores mediante unha axuda de mantemento anual nos primeiros anos de existencia das plantacións realizadas. Así, o importe anual será de 320 euros por hectárea, de superficie forestal que figure no expediente derivado da correspondente orde de convocatoria da axuda.
Conservación e mellora da diversidade forestal
Mediante estes fondos, confírmase a aposta decidida da Consellería do Medio Rural pola conservación e mellora da diversidade en áreas forestais, así como pola xestión forestal sustentable para a conservación activa de espazos forestais.
Supón tamén un apoio ás iniciativas e programas de mitigación e adaptación ao cambio climático para o monte galego, co obxectivo de incrementar a súa capacidade de fixación de carbono atmosférico (sumidoiro de carbono), de reducir a súa vulnerabilidade e capacidade de adaptación (resiliencia e resistencia) e de potenciar o emprego de produtos e subprodutos forestais como fontes de enerxía renovable e de produtos ecolóxicos. O prazo de presentación de solicitudes para acceder a estas axudas será dun mes contado a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.