publicidade hoxe

Medio Rural destina 3 M€ ás axudas de aconsellamento para beneficiar a máis de 3.500 explotacións galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, vén de destinar case tres millóns de euros para resolver 34 expedientes no marco das achegas de aconsellamento destinadas a entidades prestadoras de servizos de asesoramento, o que permitirá beneficiar a máis de 3.500 explotacións da nosa comunidade. Así o recolle a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A finalidade desta iniciativa é a creación dun sistema que facilite xestionar e axilizar a carga burocrática e lexislativa aos axentes do sector. Neste sentido, as entidades prestadoras de servizos de asesoramento teñen que estar inscritas no Rexistro de Entidades con Servizo de Aconsellamento e Xestión en Galicia (Resaxega); como poden ser agrupacións de gandeiros, cooperativas ou organizacións agrarias, entre outras.

O prazo de xustificación destas achegas é do 1 ao 15 de setembro; mentres que o período dentro do cal deberán realizarse os gastos subvencionables comeza mañá, día seguinte á publicación desta orde no DOG, e finaliza o 31 de agosto.

As cuestións obxecto de asesoramento están vencelladas con requisitos legais de xestión, coas boas prácticas agrícolas e medioambientais (BCAM) ou coas prácticas beneficiosas para o clima e o ambiente. O sistema de aconsellamento ás explotacións agrarias está regulado polo Parlamento Europeo e forma parte do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (Pepac) 2023-2027, que pretende a evolución do sistema cara a servizos de apoio e innovación.

Así, as axudas contribuirán a mellorar a orientación do mercado e aumentar a competitividade das explotacións agrícolas a curto e longo prazo, especialmente no ámbito da investigación, a tecnoloxía e a dixitalización. Ademais, favorecen a adaptación ao cambio climático e a súa mitigación, grazas á redución dos gases de efecto invernadoiro e a captura de carbono. A maiores, impulsan a modernización das zonas agrícolas e rurais, incentivando prácticas sustentables por parte dos agricultores e gandeiros.

A porcentaxe da subvención é do 100% dos gastos subvencionables e o investimento máximo será de 800 euros, a excepción daquelas explotacións que empreguen o caderno dixital ou estean inscritas nas aplicacións Contaláctea ou Contacarne, que poderán optar ata un máximo de 1.000 euros de axudas.

Anteriormente, a Xunta xa convocara esta liña de axudas. Por primeira vez, no marco do PDR 2007-2013 e dirixidas concretamente a explotacións agrarias. Posteriormente, no PDR 2014-2020, os receptores das achegas pasaron a ser as entidades de aconsellamento.

Como consecuencia, e tendo en conta que son as entidades as que tiñan que xustificar os traballos de asesoramento, simplificouse a burocracia para as explotacións. No PDR 2014-2020 houbo convocatorias nos anos 2018 e 2022, cun orzamento total de 6,25 millóns de euros e que beneficiaron preto de 7.500 explotacións a través de 78 entidades.

14 de xaneiro de 2025 | 15:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.