publicidade hoxe

Galicia e Cantabria intercambian experiencias e coñecemento para acadar unha administración máis áxil, próxima e capaz de adiantarse ás necesidades da cidadanía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereitaProvincias
A-
A+

Miguel Corgos na reunión co representante cántabro

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, recibiu hoxe a visita do director xeral de Simplificación Administrativa, Transparencia e Participación Cidadá do Goberno de Cantabria, Paulino Sánchez, para intercambiar experiencias e coñecemento de cara a unha Administración máis áxil, próxima e capaz de adiantarse ás necesidades da cidadanía.

Antes desta visita, os representantes do Goberno cántabro mantiveron unha reunión de traballo co director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio da Xunta, José María Barreiro, e con membros da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para abordar posibles melloras nestes ámbitos a partir das experiencias de ambas administracións.

Miguel Corgos destacou como a partir dos datos das persoas usuarias de servizos públicos, a Administración galega ofrece de forma proactiva servizos personalizados, axustados ao perfil e circunstancias de cada usuario, adiantándose ás súas necesidades e facilitando o acceso a servizos públicos. Esta medida púxose xa en marcha en varios ámbitos relacionados, por exemplo, coa natalidade ou con sectores como o vinícola ou o gandeiro: Tarxeta Benvida, certificado de familia numerosa, renovación da licenza de caza e de pesca fluvial, declaración do censo de animais de explotacións gandeiras ou declaración da colleita de uva.

Así mesmo, afirmou que Galicia seguirá incorporando novos servizos á Canle +65, unha iniciativa pioneira da Xunta posta en marcha en 2022 para romper coa fenda dixital e facilitar o contacto directo coa administración ás persoas maiores.

E subliñou, tamén, a elaboración dunha guía que ofrece recomendacións ao persoal empregado público para escribir da forma máis clara posible, tendo sempre en conta o perfil das persoas destinatarias. Segundo explicou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, a finalidade desta publicación é lograr que a comunicación entre a Administración e a cidadanía sexa máis fluída e eficaz, aumentar a comprensión dos documentos ofrecidos ao público e, deste xeito, incrementar a transparencia informativa e mellorar a satisfacción das persoas usuarias dos servizos públicos prestados pola Xunta de Galicia.

30 de xaneiro de 2025 | 15:49 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario