Galicia defende a xestión rexional dos fondos europeos ante os comisarios europeos de Orzamento, Cohesión e Emprego
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe en tres reunións mantidas entre unha delegación de 20 representantes rexionais e membros da nova Comisión Europea encabezada por Ursula Von der Leyen: a vicepresidenta executiva de Persoas, Capacidades e Preparación, Roxana Mînzatu, o vicepresidente executivo de Cohesión e Reformas, Rafaelle Fitto, e o comisario de Orzamento, Loita contra a Fraude e Administración Pública, Piotr Serafin. As tres reunións celebráronse no edificio Berlaymont, sede do executivo comunitario.
A delegación rexional, liderada polo presidente da rexión francesa de Nova Aquitania, Alain Rousset, representou ás 144 rexións europeas que conforman a alianza #EURegions4Cohesion, da que forman parte as 17 comunidades coordinadas por Galicia. No actual debate sobre o orzamento comunitario posterior a 2027, esta alianza defende unha política de cohesión que conte cun orzamento forte e sitúe ás rexións no centro do seu deseño e aplicación.
As 144 rexións recoñecen a necesidade de reformar a política de cohesión e están dispostas a colaborar coas institucións comunitarias para iso, pero se opoñen ás tendencias centralizadoras que socavarían o papel central que deben ter as rexións na xestión dos fondos.
Na súa intervención, Jesús Gamallo puxo en valor a experiencia da Administración autonómica na planificación e xestión de fondos, aludindo a estratexias como a de especializacion intelixente en I+D+i ou o Plan Estratéxico 2030. “Todas estas estratexias deixarían de ter sentido se o deseño da execución dos fondos vén determinado polo Estado, como é o caso agora cos fondos Next Generation”, sinalou.
Estes encontros con tres dos máximos responsables comunitarios supoñen un importante paso na defensa dos intereses rexionais no marco da iniciativa #EURegions4Cohesion, tralo debate organizado no Parlamento Europeo o pasado mes de outubro antes de que a Eurocámara aprobase aos novos comisarios.
Nesta ocasión, xunto con Jesús Gamallo, participaron como representantes españois na delegación, membros Goberno Vasco, da Junta de Andalucía, da Generalitat de Cataluña, e da Junta de Extremadura.
#EURegions4Cohesion
#EURegions4cohesion é unha iniciativa posta en marcha en marzo de 2024 pola rexión francesa de Nova Aquitania e a italiana de Emilia-Romaña. Actualmente está composta por 144 rexións de Alemaña, Austria, Bélxica, España, Finlandia, Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Países Baixos, Polonia, Portugal, República Checa, Romanía, Eslovaquia, Eslovenia e Suecia. As 17 comunidades autónomas forman parte dela baixo a coordinación de Galicia. A alianza conta co apoio da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM) e a Rede de Investigación e Innovación das Rexións Europeas (ERRIN).