publicidade hoxe

Galicia continúa entre as comunidades de España con menor abandono educativo temperán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

Galicia continúa entre as comunidades autónomas de España con menor abandono educativo temperán, isto é, a porcentaxe de persoas entre 18 e 24 anos sen titulación superior á ESO. É dicir, que non cursaron FP Básica ou de grao medio nin Bacharelato, e que non seguen ningún tipo de formación (regrada ou non regrada) na actualidade.

No ano 2024 o abandono educativo temperán en Galicia rexistrou unha taxa do 10,8%, 2,2 puntos por debaixo da media estatal, do 13%, situándose no sexto posto de España de comunidades con menor abandono.

No que atinxe á diferenza por sexos, as mulleres seguen sendo as que menos abandonan o sistema educativo, un 6,5% no 2024 fronte ao 15% dos homes. Dada a existencia desta brecha entre ambos, cunha diferenza de 8,5 puntos, actuarase especialmente sobre eles.

A Xunta continúa traballando e afianzando a súa estratexia para reducir ao mínimo esta taxa. Cómpre sinalar que, malia subas puntuais, Galicia mantén unha senda continuada de descenso nesta taxa desde o 25,8% rexistrado no ano 2009.

A FP como opción de futuro

Neste sentido, xa está en marcha o novo Plan FPGal 360 presentado a semana pasada e dotado con 24 M€ ata 2028. A través do fomento da FP como opción de futuro, busca atallar o abandono escolar e asentar a igualdade de oportunidades e a inserción laboral. Esta folla de ruta inclúe máis de 60 medidas que teñen entre os seus obxectivos fomentar que o alumnado galego continúe estudando ata, polo menos, os 18 anos.

Para iso, o plan establece un conxunto de medidas preventivas cara a permanencia do alumnado no sistema educativo como o reforzo da FP Básica, o desenvolvemento de programas de orientación profesional e vocacional xa desde a última etapa de Primaria ou accións específicas dirixidas a colectivos como os novos galegos que chegan do estranxeiro ou persoas con discapacidade, entre outros.

Especial atención á poboación masculina

Así mesmo, hai accións dirixidas á mocidade que deixou a educación antes de rematala -especialmente na poboación masculina- e á cidadanía en xeral que quere reforzar a súa formación para, deste xeito, mellorar a súa inserción laboral. Con esta finalidade, impulsarase un sistema de orientación profesional e vocacional, así como de ferramentas para facilitar a titulación da poboación moza a través da acreditación de competencias, a elaboración de recursos para a poboación sen cualificación ou o desenvolvemento de accións formativas especializadas en colaboración co tecido produtivo.

Por outra banda, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP traballa para que o alumnado procedente de outros países se integre no sistema e acade o éxito académico. Para iso, este curso ponse en marcha o Programa galego de acollida e apoio educativo ao alumnado estranxeiro, unha das accións recollidas no Plan MEGA de mellora educativa de Galicia. Este programa establece, por primeira vez, medidas no eido da FP para novos galegos, achegándolles tamén as posibilidades destas ensinanzas para ampliar a súa formación e atopar un emprego en base a súa cualificación.

28 de xaneiro de 2025 | 16:01 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario