publicidade hoxe

A Xunta traslada ao concello de Santiago o informe favorable sobre a súa petición de ampliación de licenzas de taxi

A Xunta vén de trasladar ao Concello de Santiago o informe favorable á súa petición de establecer un continxente específico de 173 taxis no municipio, o que suporía ampliar en 29 as licenzas respecto ás 144 actuais.

Das novas incorporacións, 15 corresponden ás novas licenzas reservadas para taxis adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), que se suman ás 10 coas que conta actualmente Santiago de Compostela. Tendo en conta que a proposta do Concello era incrementar este tipo de autorizacións no 50% respecto das 29 novas que se adxudicaran, o continxente final contará cun mínimo de 25 taxis adaptados.

Segundo o procedemento establecido na Lei 4/2013 de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, o Goberno galego emitiu o informe con efectos vinculantes e notificouno ao Concello de Santiago, que terá un prazo de dous meses para levar a cabo a resolución definitiva na que se debe concretar o número máximo de licenzas que poderán existir no municipio, así como o calendario que seguirá para outorgalas ou, se é o caso, a previsión de licitación de todas elas de xeito simultáneo.

A normativa vixente establece un continxente do número máximo de licenzas de taxi por concello, atendendo á súa poboación. No caso de Santiago de Compostela, o informe da Xunta recolle que se considera “suficientemente acreditado” un aumento da demanda vinculado, entre outros motivos, ao aumento da poboación residente e das persoas que acceden a Santiago de Compostela facendo o Camiño de Santiago, por motivos turísticos e por actividades vinculadas con eventos e congresos ou relacionadas con outros sectores como o sanitario, educativo, cultural e comercial; a mellora da actividade económica; o incremento da mobilidade cara e dende a cidade compostelá en transporte público, sobre todo avión e tren, ademais dos desprazamentos aos municipios limítrofes de Ames, Brión, Teo e Oroso, en especial aos núcleos do Milladoiro, Bertamiráns, Brión, Os Tilos e Sigüeiro.

Así, a Xunta lembra que tras a celebración da Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo do Consello Galego de Transportes (CEVT) en xullo do ano pasado, solicitáraselle en setembro ao Concello compostelán completar a solicitude para poder emitir este informe preceptivo e vinculante da Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no que se refire á autorización do incremento de licenzas de taxi na cidade. Unha vez completado o expediente por parte do Concello co envío a mediados de decembro da documentación requirida, o Goberno galego vén agora de emitir o informe favorable.

A Administración autonómica sinala que o estudo de mobilidade do Concello xustifica o nivel de oferta e demanda de servizos de taxi existentes, a cobertura por transporte público, as necesidades de mobilidade da poboación, as infraestruturas dispoñibles para a prestación de servizos públicos, a evolución de distintas actividades, a dispersión da poboación ou o nivel de satisfacción co servizo de taxi.

Apoio á adquisición de taxis adaptados

Por outra parte, no marco do apoio ao sector do taxi, a Xunta conta cunha liña de axudas que o ano pasado permitiu apoiar a compra de 325 taxis de baixas emisións, 41 vehículos adaptados e 28 de emisións cero. A convocatoria para este 2025, publicada a comezos do pasado decembro, conta cun orzamento de 500.000 euros destinados á orde de axudas para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), de emisións CERO e ECO. Deste total, 290.000 euros investiranse na liña para taxi adaptado, con achegas de 10.000 euros por vehículo; 68.000 para taxi CERO Emisións, con ata 4.000 euros por axuda; e 142.000 euros para taxi ECO, con apoios de 1.000 euros.

14 de xaneiro de 2025 | 15:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.