A Xunta publica no DOG as bases para solicitar o Bono Emancípate a partir da vindeira semana
A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a orde do Bono Emancípate para a xuventude, que tras uns días para informar á cidadanía e dar a coñecer esta iniciativa pioneira en España, abrirá o período de solicitudes o vindeiro 6 de febreiro.
Tal e como se recolle na convocatoria, os mozos e mozas menores de 36 anos e con polo menos unha fonte regular de ingresos, poderán solicitar a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta esta axuda para sufragar os primeiros gastos que xorden á hora de independizarse, como pode ser a adquisición de mobiliario ou diversos artigos do fogar, ata o 30 de abril, salvo que se produza con anterioridade o esgotamento do crédito orzamentario asignado.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina un orzamento de 2 M€ a esta liña de apoio para a mocidade que vén complementar outras axudas que teñen que ver co prezo de compra dun inmoble ou a renda do alugamento. Deste xeito, o Goberno galego ten por obxectivo que a mocidade conte cun incentivo económico na súa emancipación, xa sexa nunha vivenda alugada, polo que opta a percibir 1.500€, ou en propiedade, caso no que as persoas beneficiarias recibirán 3.000€.
Esta proposta súmase a outras de carácter transversal nas que interveñen varios departamentos da Administración autonómica como é a promoción de vivendas colaborativas para menores de 36 anos que, ademais, desde este luns tamén poden solicitar as axudas da Xunta para adquirir vivenda protexida.
Requisitos a ter en conta
Ao Bono Emancípate poden acceder as persoas entre os 18 e 35 anos, ambos incluídos, con nacionalidade española ou dalgún dos Estados da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo. Así mesmo, as persoas estranxeiras non comunitarias deberán estar en situación de estancia ou residencia regular en España.
Outra das condicións relevantes ten que ver coa situación económica. Deste xeito, as persoas solicitantes deberán dispoñer de, polo menos, unha fonte regular de ingresos no momento da solicitude e terase en conta a suma das rendas no caso de que existan varias vías.
Neste senso, o cómputo dos ingresos varía segundo se trate dunha unidade de convivencia, para o que a suma dos ingresos anuais dos compoñentes deberá ser igual ou inferior a catro veces o IPREM (indicador Público de Renda de Efectos Múltiples), ou se trate dunha única persoa, situación na que a suma dos seus ingresos anuais será igual ou inferior a tres veces o IPREM. Ambos requisitos teñen variantes cando se trata de persoas con algunha discapacidade.
Ademais, os interesados deberán ter en conta tamén que para optar ás axudas todas as persoas da unidade de convivencia deben estar empadroadas na vivenda, ben sexa arrendada ou en propiedade. No caso do alugueiro os contratos debe ser de polo menos un ano con posterioridade ao mes de maio de 2024.
Funcionamento do Bono
Unha vez finalizados os prazos concedidas e comunicadas as axudas, as persoas beneficiarias poderán facer uso da contía recibida a través dunha tarxeta moedeiro virtual expedida ao seu nome e que deixará de ser válida desde o 31 de decembro de 2025.
Con ela, poderán realizar as súas compras en comercios especializados, grandes superficies, empresas de mudanzas, xestorías e notarías que teñan establecemento aberto en Galicia, polo que non será aceptada para compras a distancia.