A Xunta destina 5,1 M€ a 42 entidades beneficiarias para fomentar o uso de maquinaria en común
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo que permiten beneficiar a 42 entidades cun orzamento de 5,1 millóns de euros.
Estas achegas están destinadas a cooperativas agrarias e sociedades agrarias de transformación (SAT), que poderán financiar todo tipo de maquinaria de uso en común, supoñendo unha importante redución de custos de produción e repercutindo no incremento a súa produtividade. Tamén poden financiarse os estudos técnico-económicos de viabilidade da operación.
Os obxectivos destas achegas son promover a utilización de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuarios en réxime asociativo e fomentar a introdución de novas tecnoloxías no seu emprego. Ademais, esta orde permite racionalizar os custos de mecanización no seu emprego, incrementar os mecanismos de seguranza no traballo, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético na procura dunha mellora da calidade de vida no medio rural.
Convocatoria de 2025
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe tamén a orde mediante a cal se establecen as bases reguladoras destas achegas, que contan en 2025 cun orzamento de 1,44 millóns de euros. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes a partir de mañá, dia seguinte da publicación desta orde no DOG. Estas achegas están financiadas co Instrumento de Recuperación da Unión Europea (EURI).
Estas achegas son especialmente útiles para as explotacións de pequeno tamaño, xa que facilita o acceso ás novas tecnoloxías, que necesitan dunha masa crítica mínima para poder ser rendible, e reducen de xeito sensible os custes de produción. A Consellería do Medio Rural leva promovendo estas axudas no marco do PDR 2014-2020 dende 2016 e convocáronse anualmente dende entón, o que supuxo unha achega total de máis de 32 millóns de euros.