publicidade hoxe

A Xunta convoca novas axudas para facilitar a adquisición de vivenda, cun investimento total de 3,8 M€

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas informando das axudas

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas informando das axudas

A Xunta convoca novas axudas para facilitar a adquisición de vivenda, cun investimento total de 3,8M€.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, informou sobre esta convocatoria que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes comenzará o día 27 de xaneiro e rematará o 15 de outubro. No seguinte enlace ao DOG pode ampliarse a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250114/AnuncioC3Q2-070125-0001_gl.html

Subliñou que o orzamento destas axudas se incrementa en 400.000€ con respecto á convocatoria de 2024, un aumento que se dirixe integramente á liña para menores de 36 anos para comprar vivenda situada en concellos de menos de 10.000 habitantes.

En relación a estas axudas a mozos, a contía máxima da achega pode acadar ata 10.800€ por vivenda.

No que se refire aos requisitos, as vivendas deberán ter un prezo inferior a 120.000€ e estar adquiridas con posterioridade ao 31 de outubro do 2024. Ademais, os beneficiarios terán ingresos iguais ou inferiores a 3 veces o Iprem.

Fixo fincapé no compromiso do Goberno galego para articular medidas específicas para a xente nova, polo que onte o Consello da Xunta autorizou a licitación da redacción do proxecto para 60 novos aloxamentos en Santiago para impulsar a emancipación temporal de menores de 36 anos.

Por outra parte, a segunda modalidade de axudas que inclúe a convocatoria de hoxe no DOG é a relativa á adquisición de vivenda en cascos históricos. Neste caso, as axudas son de ata 12.800€ por vivenda, para menores de 36 anos; e ata 10.800€, para maiores desa idade.

Se a vivenda obxecto da adquisición está situada nun ámbito declarado Área Rexurbe, a axuda pode acadar ata 15.000€, independentemente da idade.

Finalmente, a terceira liña de subvencións da convocatoria hoxe presentada correspóndese coa compra de vivenda protexida.

No caso de vivendas situadas nas cidades da Coruña, Santiago, Ourense, Pontevedra, Vigo, Lugo e Ferrol, as axudas serán de ata 20.000€, para os menores de 36 anos, e ata 16.000€ para o resto dos compradores.

Para vivendas emprazadas nos restantes municipios de Galicia, as achegas serán de ata 16.000€, para menores de 36 anos, e ata 12.000€ para o resto dos adquirintes.

430 vivendas adquiridas

A titular de Vivenda remarcou que o obxectivo desta axudas é ofrecerlle, sobre todo aos mozos, a oportunidade da mercar un fogar. Trátase dunha iniciativa con moi boa acollida, pois subliñou que o ano pasado se esgotou o crédito, polo que a Xunta incrementouno cunha partida adicional de máis de 750.000€.

Mediante a convocatoria destas achegas o ano pasado, subliñou que se adquiriron 430 vivendas distribuídas en 130 concellos.

Detallou que destas vivendas, 341 foron en municipios de menos de 10.000 habitantes, o que permite revitalizar concellos pequenos; 60 en centros históricos; e 25 de protección autonómica.

Allegue animou ás persoas interesadas a presentar as súas solicitudes para poder optar a beneficiarse destes incentivos para mercar os seus fogares.

14 de xaneiro de 2025 | 15:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.