publicidade hoxe

A Xunta convoca axudas para as asociacións de defensa sanitaria gandeira, dotadas cun orzamento de 2,28 M€ para os programas sanitarios que comezan en 2025

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria das axudas ás entidades recoñecidas como agrupacións de defensa sanitaria gandeira para o ano 2025 cun orzamento de 2,28 millóns de euros. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes a partir de mañá, día seguinte da publicación desta orde no DOG.

Estas achegas servirán para financiar o traballo que realizan estas entidades para desenvolver os programas facultativos de prevención e control de enfermidades animais, así como na súa participación na rede galega de epidemiovixilancia de enfermidades animais.

Os programas de planificación zoosanitaria que se subvencionarán con esta orde contemplan aqueles que se desenvolvan entre o 1 de marzo de 2025 e o 28 de febreiro de 2026. Estes programas reforzan as condicións hixiénicas das explotacións e de benestar animal, elevan o seu nivel produtivo e sanitario e contribúen a acadar un mellor status sanitario para a cabana gandeira galega.

Así mesmo, cabe destacar que estas agrupacións tamén facilitan o cumprimento da normativa vixente referente á identificación, ao benestar e á sanidade animal. Mediante estas achegas, preténdese avanzar na integración de gandeiros nestas entidades, establecendo axudas proporcionais ao esforzo económico que realizan estas agrupacións nos devanditos programas.

Ademais, as ADSG poden executar as medidas adicionais en materia sanitaria que sexan necesarias nas explotacións a elas adheridas, segundo as condicións sanitarias da zona e as características particulares de cada agrupación, polo que poden colaborar na vixilancia de enfermidades como a lingua azul ou a enfermidade hemorráxica epizoótica.

14 de xaneiro de 2025 | 15:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.