A Xunta convoca a VIII edición do concurso de carteis para conmemorar o Día Internacional das Mulleres
A Xunta pon en marcha a VIII edición do concurso para deseñar o cartel do Día Internacional das Mulleres. O certame posto en marcha polas direccións xerais de Promoción da Igualdade e de Ordenación e Innovación Educativa ten como obxectivo fomentar a igualdade real entre as mozas e mozos e dar visibilidade a participación da muller nos diferentes eidos da vida pública.
Este certame está dirixido aos centros educativos de Galicia de ensinanza non universitaria. O contido do cartel debe transmitir unha mensaxe positiva sobre a participación activa das mulleres na sociedade. Deste xeito, búscase que as mozas e mozos reflexionen sobre os estereotipos de xénero e coñezan o longo percorrido histórico para o recoñecemento dos dereitos ás mulleres.
Os carteis poderán ser individuais ou en grupo de ata 8 persoas e terase en conta o traballo en equipo e a participación equilibrada de nenas e nenos. Cada centro poderá presentar un único traballo por categoría, que deberá estar titorizado polo profesorado. O prazo de presentación dos mesmos remata o día 20 de febreiro.
As bases do concurso, así como toda a información relativa ás características dos carteis está publicada nas páxinas web das direccións xerais de Promoción da Igualdade e de Ordenación e Innovación Educativa.