publicidade hoxe

A Xunta celebrará en marzo feiras de emprego na Arxentina e no Uruguai para potenciar a captación de talento exterior da man das empresas galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerdaProvincias
A-
A+

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, compareceu esta mañá a petición propia no Pleno do Parlamento galego para dar conta dos eixes estratéxicos que impulsa a Xunta co obxectivo de dar resposta a retos estruturais do mercado como a cobertura de vacantes ou o absentismo laboral. En concreto, explicou a folla de ruta que está a seguir o Goberno autonómico potenciando tanto a forza laboral interna como a atracción de talento foráneo —seguindo as directrices trazadas pola UE para afrontar a falta de man de obra—, sempre de xeito ordenado e da man das empresas.

En relación coa atracción de talento exterior, anunciou que na primeira quincena de marzo, a Xunta organizará feiras de emprego específicas na Arxentina e no Uruguai dentro da aposta pola colaboración institucional en materia de migración laboral, e que vai parella á coordinación coas necesidades das propias empresas galegas, que terán a oportunidade de captar talento en ambos países –nos que se iniciará esta medida de xeito piloto– para facer fronte ás súas perspectivas de crecemento e garantir a súa competitividade.

Ademais, José González fixo fincapé na necesidade de abordar políticas específicas para reducir o absentismo —especialmente elevado en Galicia— e mellorar a eficiencia na xestión das incapacidades temporais, anunciando a posta a disposición, no seo do Diálogo Social, dun informe impulsado pola Xunta para identificar as causas, avaliar como afecta á produtividade das empresas e deseñar posibles solucións.

Durante a súa intervención, González salientou que para facer fronte a estes desafíos é imprescindible avanzar da man do tecido produtivo, na liña das xornadas celebradas cos principais sectores estratéxicos para coñecer as súas necesidades de persoal e identificar as barreiras de acceso a perfís cualificados. Un conxunto de medidas, sinalou, orientadas a que Galicia goce de emprego de calidade, cun mercado laboral dinámico e cun crecemento económico intelixente, avanzando na fortaleza que reflicten os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), na que a Comunidade rexistra máis emprego que o ano anterior, con 1.153.300 ocupados —a cifra máis alta nun 4º trimestre desde 2009— e unha taxa de paro menor (8,67) que no conxunto do Estado (10,61).

Potenciación do mercado interno

O conselleiro puxo en valor as iniciativas pioneiras para casar de xeito máis eficiente a oferta e a demanda impulsadas por Galicia e que comezan no mercado interno. A este respecto, mencionou en primeiro lugar as medidas para favorecer as oportunidades laborais dos demandantes activos de emprego a través da modernización do Servizo Público de Emprego. Así, a implantación da ferramenta de intelixencia artificial EMi —galardoada pola Comisión Europea— xa ten permitido desde setembro de 2024 o perfilado competencial de preto de 24.500 persoas. Isto compleméntase coas accións encamiñadas a garantir que nas listas figuren exclusivamente aquelas persoas que realmente queren entrar no mercado de traballo co obxectivo de facer máis eficaces as políticas activas de emprego. Baixo esta premisa, a Xunta avanza a través do programa intensivo da demanda de emprego, que xa ten facilitado desde a súa posta en marcha en xuño de 2023 que deixen de ser demandantes de emprego dun xeito voluntario máis de 12.400 persoas e que se insiran laboralmente unhas 8.500, e a incorporación en novembro do ano pasado dun compromiso de actividade —recollido na normativa estatal— que xa asinaron arredor de 35.000 persoas.

En segundo lugar, e dentro da aposta por ofrecer formación flexible e á carta do tecido produtivo, fixo fincapé en medidas tanto para a recualificación da poboación ocupada –como a reedición das microformacións a demanda das empresas que se publica mañá (4M€), os convenios vixentes con nove sectores estratéxicos para a reciclaxe profesional (7,5M€) ou a próxima edición dos Bonos Talento Empresa (2M€)— como para a poboación sen traballo, como a nova andaina das unidades formativas en empresas con compromiso de contratación (8M€) cuxo prazo de solicitude se inicia este venres. Así mesmo, destacou que Galicia será pioneira no impulso dun decreto a favor das microcredenciais.

González sinalou que o venres tamén abre a nova edición do Galicia Emprega (20M€) para favorecer a entrada no mercado laboral de colectivos prioritarios, a terceira das patas do mercado laboral interno, como son as mulleres —cunha reserva específica de 1,7M€ para promover a súa presenza en sectores masculinizados—, a mocidade —no marco da Estratexia Mocidade Activa—, os parados de longa duración, emigrantes retornados ou estranxeiros.

En paralelo, lembrou que está en marcha, en colaboración con entidades do terceiro sector, a segunda edición do programa pioneiro de arraigamento para a formación destinado á integración de persoas migrantes en situación irregular e que prevé beneficiar a 180 persoas ao tempo que se dá resposta ás necesidades dos sectores económicos que máis man de obra precisan.

Atracción de talento exterior

De xeito complementario —e posto que a forza laboral interna non é hoxe suficiente para atender as necesidades das empresas— no que respecta aos traballadores foráneos, José González expuxo que, ademais das feiras de emprego que se realizarán na primeira quincena de marzo na Arxentina e no Uruguai en coordinación coas necesidades das empresas galegas, a Xunta prioriza a atracción de talento dos galegos da diáspora no marco da Estratexia Galicia Retorna, ao abeiro da que no 2025 se están a impulsar medidas co prazo aberto actualmente como as bolsas BEME (2,55M€) ou o Retorna Cualifica Emprego (2,3M€), que nesta anualidade prevé beneficiar arredor de 200 galegos do exterior. Poñerase o foco en seguir afinando a selección en orixe en liña cos perfís que buscan as empresas e incorporando axudas para o aluguer que se completarán cunha nova orde bianual en 2025 para promover a rehabilitación de vivendas.

Así mesmo, lembrou que a Xunta tamén impulsa a captación de talento estranxeiro en colaboración con terceiros países, no marco da cal se están celebrando diferentes reunións con embaixadores de países de América Latina co obxectivo de abordar en conxunto o reto da cobertura de emprego e a realización de accións en orixe.

Na súa intervención, insistiu de novo en reclamar ao Goberno central unha maior colaboración para poder potenciar as medidas impulsadas pola Xunta, tanto no tocante á flexibilización dos fondos de formación para o emprego como na axilización da homologación de títulos do estranxeiro ou na consideración das microformacións como unha vía de arraigo dos inmigrantes irregulares.

28 de xaneiro de 2025 | 15:49 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario