A nova unidade de resonancia magnética do Hospital de Conxo permitirá realizar máis de 5.000 estudos anuais, un incremento do 20 %

O conselleiro de Sanidade na visita ao novo equipamento
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, sinalou que a nova unidade de resonancia magnética do Hospital Médico Cirúrxico de Conxo permitirá realizar máis de 5.000 estudos anuais, o que suporá un incremento dun 20 %.
Na compaña do xerente da área sanitaria, Ángel Facio, o conselleiro achegouse a este hospital da rede sanitaria pública galega para coñecer o novo equipamento recentemente instalado, que leva un mes funcionando e polo que xa pasaron ao redor de 150 pacientes.
Tal e como indicou o conselleiro, a nova resonancia supuxo un investimento da Xunta de 1,7 millóns de euros, entre o propio equipo e as obras de adaptación do espazo que foi preciso acometer.
A nova resonancia, situada dentro da banda tecnolóxica avanzada, está equipada con ferramentas de última xeración, o que posibilita realizar estudos e imaxes con maior rapidez e resolución, ademais de aumentar a precisión dos diagnósticos e reducir o tempo de exposición co que se mellora a experiencia do paciente.
Por tanto, incidiu o conselleiro, este novo equipamento será fundamental na realización de todo tipo de exploracións rutineiras aos máis de 440.000 pacientes da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.
Especialmente importante será esta aparataxe, remarcou Gómez Caamaño, para o diagnóstico e seguimento dos pacientes oncolóxicos, así como para as exploracións relacionadas co sistema músculo-esquelético.
Renovación e modernización
Na súa intervención no acto, o máximo responsable do Servizo Galego de Saúde dixo que este investimento é unha mostra máis do esforzo da Xunta en materia de renovación e modernización dos equipamentos dos centros sanitarios públicos, co fin de optimizar a calidade na asistencia e nas prestacións que se ofrecen á cidadanía galega.
En concreto, nos últimos anos, a Xunta adquiriu oito novas resonancias magnéticas destinadas aos distintos hospitais públicos, que supuxeron un investimento de 10,5 millóns de euros. Ademais, tamén nos últimos anos, o Executivo galego levou a cabo unha importante actualización das resonancias en Lugo e Ourense, cun investimento adicional de 1,3 millóns de euros.
Para rematar a súa intervención, o conselleiro puxo en valor que todo este investimento asegura que todas e todos os galegos teñan acceso a unha atención sanitaria de calidade e á vangarda tecnolóxica.