publicidade hoxe

A gripe continúa estable e con intensidade baixa en toda a Comunidade galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Sanidade publica, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á cuarta semana do ano que determina que a intensidade da gripe continúa sendo baixa, mantendo unha tendencia estable.

Segundo os datos, a taxa de consultas por gripe nos servizos de atención primaria rexistrou un leve incremento do 4,4 % respecto da semana previa e fica en 66,5 consultas por 100.000 habitantes. Por grupos de idade, a taxa aumenta unicamente na poboación con idades comprendidas entre os 0 e os 19 anos. Por áreas sanitarias, a taxa de consultas foi superior á da semana anterior en todas elas, agás na de Ferrol e na da Coruña.

A rede de farmacias sentinelas, que nesta campaña remiten os seus datos á Dirección Xeral de Saúde Pública, reflicte que as taxas de dispensación de antigripais diminuíu en comparación coa semana anterior. Este comportamento vai en consonancia co observado na evolución da taxa de consulta por infeccións respiratorias agudas e da taxa de ingresos con gripe confirmada.

En canto aos ingresos hospitalarios, na semana do 20 ao 24 de xaneiro ingresaron 153 persoas con gripe confirmada, isto é un 7,7 % máis que a semana anterior.

Na semana 4 a positividade das mostras estudadas para virus do tipo A foi do 14,2 %, o que supón un aumento a respecto da semana anterior do 12,7 %. Tendo en conta que o virus tipo A afecta máis frecuentemente ás persoas maiores, a Xunta lembra que a campaña de vacinación continúa en marcha ata mañá, día 31 de xaneiro.

É recomendable tamén o emprego da máscara aos pacientes con síntomas respiratorios e aos profesionais que os atenden, así como en determinados grupos de risco ou dispositivos asistenciais como poden ser as urxencias hospitalarias.

No que vai de temporada da gripe notificáronse 826 ingresos, a maioría deles con virus tipo A.

Evolución covid e VRS

O informe de actividade das infeccións respiratorias agudas indica que a razón de casos por médico de covid-19 mantense estable, mentres que a taxa de consultas descende un 17,3 %.

Pola súa banda, no que atinxe ao Virus Respiratorio Sincitial (VRS), a taxa de ingresos no conxunto da poboación foi de 1,5 ingresos por 100.000 habitantes, un dato inferior ao da semana pasada (3,4 ingresos por 100.000 habitantes).

30 de xaneiro de 2025 | 15:36 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario