publicidade hoxe

Rueda destaca a importancia da concienciación dixital para crear un territorio conectado e seguro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaOurensePortada esquerdaProvincias
A-
A+

O presidente da Xunta participou na final do concurso ‘Ciberseguridade no cole’

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia da concienciación dixital na sociedade para crear unha Galicia máis conectada, á vangarda e segura.

Así o salientou durante a súa participación na final do concurso Ciberseguridade no cole, no marco do IV Encontro CIBER.gal que se celebra estes días na Cidade da Cultura, e onde mantivo unha charla co alumnado finalista. Neste sentido, destacou que nunha sociedade cada vez máis conectada, resulta fundamental que a cidadanía, tanto nenos como adultos, coñeza os perigos asociados ao uso de tecnoloxías dixitais. A este respecto, manifestou o compromiso da Xunta en favor da protección de datos e da divulgación sobre os riscos que entraña navegar na Rede.

“Sempre se di que sodes a xeración dixital e polo tanto hai que concienciarse de que as novas tecnoloxías son grandes oportunidades pero tamén son ameazas. Por iso é importante collades o hábito de ser ciberseguros para evitar moitos problemas e desfrutar moito das novas tecnoloxías, que son fantásticas”, asegurou.

Neste sentido, o presidente da Xunta resaltou a importancia deste tipo de iniciativas para que os nenos e nenas coñezan canto antes como usar as pantallas con responsabilidade e, do mesmo xeito, poidan descubrir tamén posibles saídas laborais relacionadas co ámbito da ciberseguridade, cada vez máis demandado polas empresas.

Así mesmo, recordou a recente publicación por parte da Xunta dunha guía para o uso seguro de internet e redes sociais destinada á comunidade educativa, así como a realización de máis de 250 talleres sobre esta temática en centros educativos de toda Galicia. “Por moita protección que fagamos se non nos botades unha man non vai ser posible, por iso debedes estar atentos e avisar cando notedes algo raro”, sinalou.

Compromiso coa responsabilidade

Durante o acto, o presidente da Xunta lembrou o impulso hai catro anos do Nodo CIBER.gal –impulsado polo Goberno galego en colaboración do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), as catro deputacións provinciais, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)– como espazo de colaboración público-privado e que conta xa con máis de cincuenta empresas e institucións centradas na protección da información e dos datos.

Así mesmo, fixo referencia ao novo Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Ourense, o cal se espera que estea operativo a principios de 2026, como parte do obxectivo de dotar a Galicia das infraestruturas necesarias para liderar a ciberseguridade no ámbito estatal.

7 de novembro de 2024 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.